Os traballadores de CRTVG maniféstanse en contra da lei de medios públicos

Traballadores da Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG) iniciaron unha folga en protesta pola futura nova lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, en trámite parlamentario, que segundo dixeron poría en perigo a pluralidade do medio.

Este luns, máis de 200 traballadores plantáronse fronte ao edificio do Parlamento, entoando consignas como: "Feijóo aprende, a tele non se vende".

A iniciativa de lei foi pactada polo PPdeG e o PSdeG e, segundo indicou Raquel Lema, presidenta do comité de persoal de CRTVG, a norma constitúe unha "ameaza grave" ao carácter de servizo público que ten a compañía, pois funcionaría ao seu xuízo como unha cadea de comunicación privada, onde o concello de administración estaría a cargo dos informativos.

"O principal problema é que non se blinda a existencia de CRTVG como servizo público, preténdese recortar os dereitos dos traballadores, porque non se mete unha emenda que garanta que os traballadores neste paso de compañía a corporación van manter os seus dereitos. Vaise a precarizar e destruír emprego", expresou Lema.

Pola súa banda outra representante sindical, Teté Pérez Pardo, asegurou que todo o persoal da compañía foi convocado á folga, aínda que se manteñen uns servizos mínimos que cualificou de ''abusivos''.

Fontes da compañía informaron que durante a quenda de mañá o paro tivo unha incidencia de 44 por cento.

Como parte das protestas, ás sete da tarde deste luns, o persoal de CRTVG realizará na Praza do Toural un "Informativo informal" no que denunciarán as repercusións da aplicación desta lei.

Comentarios