Los Suaves, Medalla de Ouro de Galicia 2016

A Xunta entrega este ano a súa máxima distinción ao grupo musical ourensán, ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto, ao escultor Francisco Leiro e ao académico Basilio Losada Castro

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto, o pintor e escultor Francisco Leiro, o catedrático de Filoloxía Románica e membro da Real Academia Galega (RAG) Basilio Losada Castro, e a banda Los Suaves son os elixidos polo Executivo autonómico para ser recoñecidos coas Medallas de Ouro de Galicia na súa edición de 2016.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou os seus nomes ao termo da reunión semanal do seu Executivo, nunha rolda de prensa na que ratificou que a concesión das Medallas materializarase nun acto o próximo 24 de xullo, véspera do Día de Galicia e xornada na que se cumpren tres anos do tráxico accidente ferroviario de Angrois.

As Medallas de Ouro de Galicia é o máximo recoñecemento que o Goberno de Galicia entrega a personalidades ou colectivos que se consideran un "exemplo a seguir", tendo en conta que a súa actividade —remarcou este xoves Feijóo— "honra" e "fai mellor" a Galicia.

Comentarios