Os modelos lácteos nos que inspirarse

A organización entre os produtores e a robustez da industria nos países máis punteiros do sector son debilidades en Galicia

As grandes potencias lácteas a nivel mundial aúnan modelos de produción, transformación e venda que poden servir de espello a Galicia para corrixir os principais puntos débiles que arrastra o sector. A capacidade para xerar forraxes propias e reducir custos lastrada pola falta de terra, a ausencia dunha industria forte que elabore unha gama variada de derivados que acheguen valor á materia prima, o escaso peso do cooperativismo ou a falta dunha boa estratexia exportadora son carencias coas que non cargan os países punteiros.

Cada un coas súas fortalezas -e tamén debilidades-, Irlanda, Nova Zelandia, Dinamarca, Holanda, Alemaña ou Francia ofrecen algúns exemplos nos que inspirarse para lograr que as crises de prezos que tocan á porta do lácteo de forma cíclica teñan un impacto menor e garantir que o sector estará en condicións de competir no mercado.

Menos gastos, maior marxe


No mapa de referentes, Irlanda ten entre as súas maiores virtudes a de producir o leite máis barato. A razón é que as súas explotacións dispoñen dunha base territorial moi superior á que teñen as galegas, isto é, contan con terreo máis que suficiente para alimentar ao gando con forraxes propias. Esa vantaxe permítelles descontar dos gastos fixos as facturas do penso e traballar con custos de produción moi baixos. Aquí hai potencial para xerar a comida das reses nas granxas, pero falta superficie agraria.

Desde esa posición, Irlanda é o país que máis elevou as entregas desde o fin do sistema de cotas na UE, tras marcarse como obxectivo un repunte do 50% ata 2020. Moita da materia prima que sae das explotacións convértese en leite en po e manteiga, derivados con valor -aínda que moi ligados aos vaivéns de prezos nos mercados internacionais-, que teñen como principal destino as vendas ao exterior, o eixo central do sector.

Unha ampla visión exportadora


A produción a baixo custo cun sistema baseado no pastoreo e a vocación exportadora sobresaen tamén en Nova Zelandia, a potencia que máis leite envía ao estranxeiro, a máis de 140 países. En torno ao 90% da materia prima prodúcena as explotacións que integran a cooperativa Fonterra, a máis grande do mundo cuns 12.000 gandeiros. Un xigante lácteo que marca a base de prezos de mercado. 

Moito máis alá dun brick


No plano industrial, destaca a puxanza de Francia pola diversificación dos produtos elaborados. Ademais de envasar o ouro branco do campo en bricks -como ocorre maioritariamente en Galicia-, elabora leites enriquecidos, en po, manteiga, batidos... e uns afamados queixos con denominación de orixe como o roquefort ou o camembert. A elaboración de queixos de calidade tamén axuda ao sector en Italia: gorgonzola, parmigiano reggiano, mozarella ou mascarpone son só algúns exemplos nunha extensa carta. Esa aposta polos derivados que achegan valor engadido bótase en falta en Galicia, onde a debilidade da industria condiciona os prezos que cobran as 8.430 granxas en activo.

Outro aspecto que o lácteo español pode envexar o galo é a unión dos tres elos do sector ao redor dunha interprofesional con capacidade de influencia e o apoio da Administración.

A unión que fai a forza


Máis cara ao norte de Europa, Holanda e Dinamarca son a paradigma do asociacionismo entre gandeiros. Non en balde, a rexión dos Países Baixos alberga a primeira cooperativa de Europa, Friesland Campina, e en territorio danés está a segunda, Arla Foods. elas soas concentran máis das tres cuartas partes da produción nestes países, aos que se pode sumar polo desenvolvemento do cooperativismo Alemaña, primeiro produtor de leite da UE.

Resulta difícil destacar cando un se compara cos competidores máis punteiros, que poden saír perdendo se o que se valora é a capacidade de adaptación a golpes e cambios demostrada polas explotacións galegas. é unha das fortalezas que destacan o profesor de Economía Aplicada da USC experto no rural, Edelmiro López Iglesias, e Javier Iglesias de Unións Agrarias. O que botan en falta é unha estratexia para o sector como si trazan outros países.

Comentarios