Os gandeiros levantan a tractorada da Coruña e diríxense a Santiago para presionar a distribución

Tras os avances logrados con Carrefour, Gadis, Eroski e LIDL, o sector "está a negociar" agora con Alcampo

Os gandeiros decidiron na tarde deste martes en asemblea levantar a tractorada que protagonizan na Coruña desde o pasado 10 de decembro para dirixir a súa protesta á distribución en Santiago.

Segundo informou a Europa Press Óscar Pose, de Unións Agrarias, tras o acordo con Carrefour para que suba de forma inmediata dous céntimos o prezo do leite e cre unha nova marca de leite exclusivamente galego, e logo de conseguir avances con Gadis, Eroski e LIDL nos últimos días ao facer bloqueos aos seus hipermercados en Lalín, agora marchan a Santiago co obxectivo de facer accións puntuais contra a distribución a partir do mércores.

Así mesmo, Pose, un dos portavoces da plataforma en defensa do sector lácteo, informou de que tamén "se está negociando" con Alcampo, mentres que pedirán ás empresas de distribución que "faltan" que "repercutan no gandeiro" a subida de prezos aplicada aos consumidores.

De tal forma, os gandeiros volven a Santiago para actuar contra a distribución, tal e como fixeron o pasado mes de setembro durante varios días de protestas polos baixos prezos do leite, nunha cidade na que xa en precampaña realizaron actuacións informativas ante centros comerciais.

Comentarios