Os lumes extinguidos en Cualedro, O Barco e Oímbra queimaron 45 hectáreas

Fontes da Consellería de Medio Rural informaron de que os incendios rexistrados nos municipios ourensáns de Cualedro, O Barco de Valdeorras e Oímbra están xa extinguidos.

Así, o incendio rexistrado na parroquia de Montes, no concello de Cualedro, quedou extinguido ás 20.00 horas da tarde do venres. O lume iniciouse ás 16.15 horas da tarde do xoves.

Segundo as primeiras estimacións provisionais, a superficie afectada polo lume sitúase ao redor das 40 hectáreas -- equivalentes a 0,4 quilómetros cadrados--, das que 36 son de monte raso e 4 arborado. Nos labores de extinción traballaron en total un técnico, 9 axentes forestais, 17 brigadas --compostas por entre 5 e 7 persoas--, 13 motobombas, 2 pas, 2 helicópteros e 5 avións.

Doutra banda, na parroquia de Santa Mariña do Monte, no concello do Barco de Valdeorras, o lume iniciado ás 00.10 horas da madrugada do venres quedou finalmente extinguido ás 23.35 horas da noite do venres.

As primeiras estimacións provisionais mostran que a superficie afectada polo lume se sitúa ao redor das 55 hectáreas --0,55 quilómetros cadrados--, das cales 46,75 son de monte raso e 8,25 arboredos. Nos labores de extinción traballaron en total 1 técnico, 8 axentes forestais, 20 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 4 avións.

Tamén afectou a territorio portugués
Para rematar, o lume rexistrado na parroquia de Bousés, no municipio de Oímbra, quedou extinguido ás 12.00 horas desta mañá. O lume iniciouse ás 15.25 horas da tarde do venres. Como xa informou a Consellería, o lume pasou a territorio portugués, onde tamén quedou extinguido.

A superficie provisional estimada é de 50 hectáreas --0,5 quilómetros cadrados--, todas elas de monte raso. Nos labores de extinción traballaron 5 axentes forestais, 12 brigadas, 3 motobombas, 2 pas, 4 helicópteros e 4 avións.

Comentarios