Os aeroportos galegos perden 164.598 viaxeiros

Os aeroportos de Galicia perderon un 8,9% de pasaxeiros na primeira metade do ano, o que implica que se rexistraron 164.598 viaxeiros menos que en 2012 nestas datas. Isto é o que indican as estatísticas que fixo públicas Aena. Ata xuño pasaron polas tres terminais galegas 1.673.881 persoas mentres que no 2012 pasaran 1.838.479 pasaxeiros.

Lavacolla rexistrou na primeira metade do ano 990.330 viaxeiros, o que supón un 5,9% menos que nos primeiros seis meses do ano anterior, cando superaron o millón de usuarios. A caída no aeroporto de Alvedro é dun 9,2% (pasaron de 392.105 persoas a 355.919) e, pola súa banda, Peinador sufriu unha perda de pasaxeiros do 16,8% (de 393.735 a 327.632).

Respecto ao número de voos, tamén sufriron unha caída importante nestes seis meses: un 5,7% en Santiago, un 10% en Vigo e un 14,5% na Coruña

En caso de analizar só os datos do pasado mes de xuño as cifras son máis alarmantes, no caso compostelán a diminución de pasaxeiros supón un 9,1% mentres as operacións baixaron un 14,8%. En Vigo, o número de viaxeiros descendeu un 26,7% e as operacións rexistradas implican un 2,2% menos. Con todo, o pasado mes o aeroporto da cidade herculina presenta datos positivos en canto ao número de pasaxeiros tras rexistrar un 2,5% máis e aumentar as operacións nun 9,6%.

Comentarios