Logran paralizar na Coruña o desafiuzamento dunha muller enferma e con tres fillos

A suspensión temporal grazas mobilización cidadá do desafiuzamento de Elisabeth Salnés abre un prazo para negociar unha saída a través do protocolo pactado por Xunta, Fegamp e Consejo General do Poder Judicial (CGPJ).

O colectivo Stop Desafiuzamentos logrou paralizar esta mañá o desafiuzamento dunha muller enferma e con tres fillos que non pode pagar o aluguer da súa vivenda no barrio do Castrillón, na Coruña.

Elisabeth Salnés, nai de tres fillos de 11, 4 e 3 anos, ía ser desafiuzada esta mañá pola falta de pagamento desde o pasado mes de novembro do aluguer da súa vivenda situada na rúa Antonio Noche.

A muller, sen emprego desde hai varios anos, conta co único ingreso de 200 euros do subsidio de desemprego.

A execución do desafiuzamento estaba prevista para as 10:30 horas polo que o colectivo Stop Desafiuzamentos convocara unha concentración nas inmediacións da vivenda a partir das 09:00 horas.

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia informaron de que o persoal do Servizo Común de Notificacións e Embargos que hoxe pola mañá se desprazou ao barrio do Castrillón para levar a cabo o citado lanzamento decidiu a suspensión do mesmo ante a imposibilidade de acceder á vivenda.

As mesmas fontes precisaron que polo momento non hai sinalada nova data.

O maxistrado que levou o caso, titular do Xulgado de Primeira Instancia número 9 da Coruña, recibiu o venres á afectada, que ía acompañada por unha persoa que ela designou, para informalo persoalmente de que non existía base legal para suspender o lanzamento.

O maxistrado, segundo indica o protocolo asinado por Consejo General do Poder Judicial (CGPJ), Xunta e Fegamp para estes casos, puxo a situación en coñecemento dos servizos sociais do Concello e da Consellería de Traballo e Benestar.

Desde esta mesma noite, algúns membros do colectivo Stop Desafiuzamentos mantiveron un retén de vixilancia no portal da muller ante a previsión de que a Policía puidese acordoar a zona e establecer un perímetro de seguridade.

Comentarios