Libera pide non lanzar petardos en Nadal para protexer a animais e persoas sensibles

Poden xerar 190 decibeis, moi por encima dos 65 que recomenda a OMS
Un perro. PIXABAY
photo_camera Un can asustado. PIXABAY

A asociación animalista Libera iniciou este xoves a súa campaña #CeroPetardos, coa que pretenden alertar dos "múltiples efectos negativos" do lanzamento de foguetes e artefactos similares. 

A asociación pretende disuadir así á poboación de utilizar estes espectáculos de fogos artificiais durante a Nadal e pediu á cidadanía que busque "alternativas" para celebrar estas festas. 

Tal e como informou a agrupación animalista nun comunicado, os estrondos deste tipo de artefactos son "moi daniños" para diferentes colectivos da sociedade, "desde bebés e persoas maiores ata aqueles cidadáns con Trastornos do Espectro Autista (Tea) ou con hiperacusia".

Así, sinalou, estas detonacións poden xerar reaccións de ansiedade e terror. "O estalido dun foguete pode chegar a xerar 190 decibeis, moi por encima dos 65 que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS)", recordou Libera. 

Ademais dos trastornos que poden provocar estes artefactos nas persoas, a asociación indicou que é "moito máis daniño" para os animais, cuxo sistema auditivo "é máis sensible", xa que pode provocar reaccións de pánico e medo. 

Os animalistas tamén se referiron ao impacto sanitario provocado polas detonacións destes espectáculos, xa que "moitos inclúen durante a súa fabricación o emprego de metais pesados carcinóxenos" que xeran as cores rechamantes e características dos fogos artificiais, ademais de liberar fumes metalíferos que, engadiron, poden chegar a causar problemas respiratorios. 

Respecto destas partículas contaminantes, Libera incidiu tamén no seu impacto no medio natural, "en especial nas augas".

"COMPROMISO" A CONCELLOS E XUNTA. Así mesmo, Libera reclamou un "compromiso" por parte de concellos e da Xunta para "reflexionar sobre o modelo de lecer público" e deseñar programas "que non inclúan actividades que poidan xerar medo en parte da Sociedade nin nos animais". 

A asociación tamén fixo un chamamento á cidadanía para que utilicen alternativas máis respectuosas como a pirotecnia branca –de menor impacto acústico e ambiental– ou a realización de espectáculos con drons, un sistema empregado xa en varias cidades chinesas polo Ano Novo. 

Comentarios