Libera critica o uso de renos no desfile do Nadal en Ourense

O colectivo advirte do "sufrimento" que padecen os animais por estar "en contextos de tensións innecesarias"
Dos renos. EFE
photo_camera Dous renos. EFE

A asociación animalista Libera lamentou o uso de renos no desfile do Nadal que celebrará o Concello Ourense o 20 de decembro polo centro da cidade. O desfile, iniciativa da Federación de Comercio e a concellaría de Comercio, sairá ás seis e media desde a comisaría e percorrerá as principais rúas da cidade ata a praza Bispo Cesáreo. 

Nun comunicado remitido aos medios, Libera recorda que a maioría de municipios galego suprimiron o uso de animais en actos festivos e propoñen que se substitúa por outro tipo de actividades. Neste sentido, os seus representantes advirten do "sufrimento" que padecen os animais por estar "en contextos de tensións innecesarias, ao bulicio de adultos e menores, e cuxo desprazamento dista moito das condicións do seu hábitat natural, a tundra e a taiga". 

Libera recorda que esta especie foi declarada vulnerable pola Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN), entidade que elabora as listas de especies en perigo en todo o planeta.

Doutra banda, recorda que existe "suficiente capacidade organizativa" para fomentar actividades que non reduzan os animais "a meros obxectos decorativos ou simples xoguetes", xerando unha "imaxe irreal" aos máis pequenos e pequenas da casa.

A asociación propón a posta en marcha de outras alternativas como adaptacións "novas e teatralidades" a cargo de compañías de teatro para celebrar o Nadal "sen necesidade de explotar animais" e pon como exemplo outras cidades galegas —como A Coruña, Ferrol ou Santiago— onde "desde hai anos" non se utilizan animais.

Comentarios