Leopoldo López visita Celanova entre críticas

"Non aceptamos esta impunidade ante a desatención á mínima prudencia das normas sanitarias", censuran desde o BNG local
Leopoldo López en Celanova. EFE
photo_camera Leopoldo López en Celanova. EFE

O líder opositor venezolano Leopoldo López visitou este venres Celanova para participar nun encontro coa comunidade do seu país na localidade, tras a polémica suscitada en Cambados, onde a Policía Local denunciouno por viaxar de Madrid a Galicia pese a estar a comunidade baixo peche perimetral. Entre as voces críticas, o voceiro do BNG de Celanova, Leopoldo Rodríguez, asegurou nun comunicado non ter "coñecemento de que exista ningunha autorización por ningunha institución, nin razón xustificable, para saltarse as medidas sanitarias". Na súa opinión, é un "despropósito" que a vila, que padeceu o impacto do covid e continúa con restricións sanitarias, reciba o político "despois de ser multado facendo turismo en Cambados".

López, pola súa banda, pediu este Venres Santo, no marco da súa xira por Galicia, un apoio firme de España ao seu país para a consecución dunhas eleccións "xustas, libres e verificables". "Non lle dean as costas á procura dun pobo pola súa liberdade", clamou na reunión con compatriotas exiliados. Nun coñecido café da zona, celebrou un acto dunha hora de duración ao que acudiu o alcalde, Antonio Puga, de Celanova Decide.

Leopoldo López dixo que non coñecía Galicia e compartiu que se quedou impresionado pola "actividade e proactividade" dos paisanos seus que residen nesa terra. Contoulles aos presentes que o 90% dos venezolanos están na pobreza e o 60% nunha situación crítica. Tamén que hai sete millóns fóra do territorio nacional.

 O paso de Leopoldo López por Galicia foi accidentado, pois o 30 de marzo foi proposto para unha sanción pola Policía Local de Cambados por saltarse presuntamente o peche perimetral vixente na comunidade galega pola covid-19. Foi nun control rutineiro no operativo para cumprir as restricións impostas pola pandemia e os axentes, cando se achegaron ata a súa mesa ao apreciar que estaba ocupada por xente que non era orixinaria do municipio.

Chegaran desde Madrid, onde o político ten fixada a súa residencia desde que en outubro saíu do cárcere polo seu labor de oposición ao goberno de Venezuela liderado por Nicolás Maduro e abandonou a súa situación de arresto domiciliario. Aínda que Leopoldo López presentou unha serie de documentos que xustificarían a súa presenza en Galicia, a Policía Local instruíu igualmente a proposta de sanción contra el e os seus acompañantes, do mesmo xeito que se fai con todos os foráneos detectados. Con todo, na súa conta oficial de Twitter Leopoldo López indicou que a súa viaxe a Galicia é para reunirse con compatriotas exiliados e "vítimas da ditadura de Maduro". "Non me consta que fose multado nin incumprido ningunha norma", conclúe.

CRÍTICAS. O voceiro do Bloque en Celanova considera no seu comunicado que este tipo de visitas "pódense realizar en calquera outro momento sen por en risco á veciñanza e e en condicións de seguridade mellores das que se poden dar no interior dunha cafetería co aforo completo durante máis dunha hora", para a continuación agregar que "desde o BNG non aceptamos esta impunidade ante a desatención á mínima prudencia das normas sanitarias, nin a permisividade das autoridades ante unha actitude neglixente e temeraria".

O Bloque manifesta ademais a súa "sorpresa diante da persimividade e da complicidade municipal", por parte do alcalde de Celanova, António Puga e da voceira do PSOE Teresa Barge, que asistiron o acto. "Non só é que Leopoldo López (residente en Madrid) estea en Galiza ilegalmente, sen razón que lle permita saltarse as restriccións sanitarias e pondo en perigo á poboación que disfruta duns días festivos, é que o alcalde e os seus socios de goberno amparen, promovan e participen deste acto político, demostrando ademais falta de sensibilidade polo respeto aos dereitos humanos", conclúe o escrito do Bloque.

Comentarios