miércoles. 19.01.2022 |
El tiempo
miércoles. 19.01.2022
El tiempo

Laxe pide esquecer ''rancores'' para lograr un ''magnífico resultado''

O novo responsable de Máis Galiza na provincia de Lugo, Anxo Laxe, exportavoz do BNG no Concello da capital lucense, afirmou hoxe que o proxecto político que xurdirá das correntes escindidas ten que nacer con ''amnesia" para esquecer "rancores" e lograr "un magnífico resultado".

Laxe fixo estas declaracións a EFE logo da presentación oficial da nova directiva de Máis Galiza en Lugo, un acto que se celebrou onte pola noite nun céntrico hotel da capital lucense, coa presenza do secretario xeral de Máis Galiza, Xoán Bascuas. "Definímonos como xente de esquerda, progresista, galeguista e europeísta, polo que temos que facer un esforzo de xenerosidade para confluír nese espectro e facelo con intelixencia", explicou Laxe.

Así mesmo, subliñou que hai dúas premisas que teñen que presidir o novo proxecto político, que son "a xenerosidade" e "a amnesia", porque "non pode haber rancores nin celos". "Nós vimos de onde vimos e non podemos negar que no nacionalismo houbo situacións conflitivas, por dicilo suavemente. Precisamente, cando falo de amnesia refírome a iso, porque aquí non caben nin loitas persoais nin medallas pasadas, só vocación de servizo á cidadanía", precisou o responsable de Máis Galiza en Lugo.

NEGOCIACIÓNS ''PRUDENTES''

Con respecto ás negociacións que iniciou Máis Galiza con outras correntes de opinión escindidas do BNG, como os Irmandiños de Beiras ou Acción Galega, Laxe afirmou que "hai que ser prudentes", porque " as casas hai que empezalas sempre polos cimentos". "Na construción deses cimentos estamos e, polo tanto, hai conversacións con todos eses sectores, pero hai que empezar por trazar os obxectivos e o procedemento, porque as persoas son elementos que teñen a súa importancia, pero son o último neste proceso", indicou.

En todo caso, sostivo que existe un importante espazo electoral que pode cubrir esta nova forza política e, aínda que non quixo "pecar de visionario", opinou que se as "cousas se fan ben", Máis Galiza obterá nas próximas autonómicas "un magnífico resultado".

Laxe pide esquecer ''rancores'' para lograr un ''magnífico resultado''
comentarios