Reaccións dos líderes políticos galegos na xornada electoral

Os alcaldables e líderes do PP, PSdeG e BNG valoraron na mañá deste domingo, tras votar, a xornada das eleccións municipais. Aproveitaron para pedir aos cidadáns que acudan ás urnas a votar en liberdade. Estas son as súas declaracións:

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galica

O presidente do PPdeG e da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou, ao exercer en Vigo o seu dereito a voto, que confía en que os cidadáns acerten para escoller "a España que queremos até 2019". Para o presidente do Executivo galego, esta estaría constituída por "Gobernos fortes que dirixan os intereses xerais para saír definitivamente da crise e iniciar unha etapa sólida e consolidada", o que traerá "estabilidade nas institucións" para, "a partir de aí, os servizos públicos". Sobre o resto da súa xornada, comunicou que a dedicará aos seus pais e familia, antes de regresar a Santiago de Compostela, desde onde seguirá o escrutinio.

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG

O secretario xeral do PSDEG, José Ramón Gómez Besteiro, fixo un chamamento aos galegos desde Lugo, onde esta mañá exerceu o seu dereito a voto no colexio instalado no CEIP Rosalía de Castro, para pedirlles que acudan ás urnas e "voten con cabeza e corazón, tendo en conta que co seu voto tamén cambian a súa vida". "Espero o mellor da xornada de hoxe, votar é un dereito e unha obrigación, por iso pido aos veciños e veciñas de toda Galicia que exerzan o seu dereito", engadiu Besteiro, quen recordou tamén que a xornada electoral é "a exaltación da democracia".

Miguel Anxo Fernández Lores, BNG de Pontevedra

O candidato do BNG á alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, pediu aos cidadáns que voten con "alegría". "É un día espléndido, espero que haxa unha alta participación, canta máis, mellor", dixo o aspirante á reelección, tras votar ás 9.30 horas na casa parroquial de Marcón, acompañado de membros da súa candidatura. Lores sinalou que espera que os resultados dean pé a que "quen goberne fágao co apoio maioritario dos cidadáns".

Xosé Fernández Orozco, PSdeG de Lugo

O alcalde de Lugo e candidato á reelección do PSdeG, Xosé López Orozco, votou esta mañá na Casa Sindical da capital lucense e, a preguntas dos xornalistas, expresou o seu desexo de que os cidadáns acudan "a votar con liberdade", porque por parte dos políticos, "o traballo está feito" e agora tócalles falar aos electores. Orozco deixou o colexio electoral coa "sensación de cumprir cun dereito" e expresou o seu desexo de que os cidadáns acudan hoxe a votar para "que os lucenses o cumpran tamén". Pediu a todos os electores que "voten en liberdade" e "pensando sempre na nosa cidade", porque o seu exercicio nas urnas servirá para "construír o Lugo que todos queremos".

Ana Pastor e Jacobo Moreira, PPdeG de Pontevedra

A ministra de Fomento, Ana Pastor, tamén animou ao voto en Pontevedra nunhas eleccións "moi importantes" para "decidir cal é o futuro mellor". A ministra foi acompañada polo candidato popular á Alcaldía, Jacobo Moreira, e o secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda.

Abel Caballero, PSdeG de Vigo

O alcalde de Vigo e candidato á reelección polo PSDEG, Abel Caballero, subliñou que hoxe os electores deciden nas urnas "onde", "a que ritmo e de que forma" irá a cidade os próximos catro anos. Tras exercer o seu dereito a voto no colexio electoral instalado na lonxa do edificio consistorial, Caballero sinalou que hoxe é "o día de decidir o futuro da cidade, de mirar ao presente e lanzar o futuro". Unha xornada, abundou, "para decidir, para exercer a democracia", xa que os cidadáns "teñen a palabra todos os días dos catro anos" de mandato, "pero hoxe é o día de tomar a gran decisión".


Carlos Negreira, PPdeG da Coruña

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, exerceu hoxe o seu dereito ao voto nun colexio da cidade, acompañado pola súa familia, onde confiou en que a elección dos coruñeses "dará máis benestar" e por iso mostrouse seguro de que "van acertar" no seu "veredicto" nas urnas. O rexedor da capital herculina acudiu ás doce deste mediodía ao colexio electoral instalado no IES Paseo das Pontes e, tras depositar a súa papeleta na urna, compareceu ante os xornalistas para subliñar a "absoluta normalidade" desta xornada, salvo por unha "incidencia mínima" na sede do partido.


Agustín Hernández, PPdeG de Santiago de Compostela

O candidato do PP á Alcaldía de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, sinalou que, o de hoxe, "é o día máis importante dos próximos catro anos" para o concello de Compostela, así como para o resto de municipios de España, no que espera que a cidadanía decida "de forma maioritaria" o que desexan para "o futuro" da súa localidade. Hernández exerceu o seu dereito a voto no IES de Pontepedriña pasadas as doce do mediodía e protagonizou unha das anécdotas graciosas da xornada, ao sufrir "unha pequena equivocación" á hora de atopar a mesa na que debía depositar a súa papeleta.

Martiño Noriega, Compostela Aberta

O candidato á Alcaldía de Santiago por Compostela Aberta, Martiño Noriega, asegurou este mediodía que "é un día histórico" para a capital galega, na que confía que se abrirá "unha xanela á esperanza" para os cidadáns. En todo caso, manifestou o seu desexo de que a xente  "vote en absoluta liberdade", porque así  o votado "ben votado estará". Noriega xa enviou "hai uns días" o seu voto por correo ao Concello de Teo, lugar no que está censado e do que aínda é alcalde.

Manuel Baltar, PPdeG de Ourense

O presidente da Deputación de Ourense e candidato á reelección, Manuel Baltar, asegurou hoxe que é un día "para votar en liberdade", nesta cita electoral que decidirá tamén o Goberno provincial. Antes de depositar o voto no seu colexio electoral, sito no edificio sindical, Baltar animou á xente "á participación", tanto da cidade como no resto da provincia, a fin de "elixir os Gobernos locais". "Ourense sempre foi a primeira provincia en participación e esperamos que hoxe tamén sexamos a primeira provincia nun aspecto tan importante como a participación", un dato que "lexitima democraticamente máis os resultados", apostilou o presidente provincial.

Comentarios