jueves. 05.08.2021 |
El tiempo
jueves. 05.08.2021
El tiempo

As confrarías protestan contra o Plan Reitor das Illas Atlánticas

Máis de 2.000 integrantes de diferentes confrarías de pescadores galegas protestaron esta mañá en Vigo contra o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas (PRUX), polas "limitacións" e "restricións" á pesca que "impón" nunha das zonas máis ricas do litoral galego.

Ata a parroquia viguesa de Bouzas chegaron autocares de máis de vinte confrarías de Pontevedra e outras sete da Coruña.

En declaracións a Efe, o presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, José Antonio Gómez, sinalou que esta flota "aproveita moitas veces o abrigo das illas para pescar" e dixo que en Sálvora, Cíes, Ons ou Cortegada faenan "centenares de embarcacións".

Criticou que, no interior da ría, existen "mil problemas de contaminación e de zonas acoutadas", e advertiu de que existe o perigo de que "aos poucos, desapareza a pesca de baixura" co que "facemos desaparecer moita actividade relacionada con este sector".

"Queremos que sigan traballando como sempre, e este xoves temos unha reunión co conselleiro de Medio Rural para falar deste tema", sinalou.

Gómez engadiu que só na zona da ría de Vigo hai "unhas 8.000 persoas" que traballan en pesca de baixura e que este sector repercute tamén en estaleiros, "lonxas de portos pequenos ou rederas".

Na concentración, de carácter pacífico, os manifestantes portaban pancartas con lemas como: 'En defensa do sector pesqueiro e de máis de 13.000 postos de traballo', 'Feijóo, a baixura tamén vota', 'O plan reitor afunde ao sector' ou 'PRUX = morte da pesca de baixura'.

As confrarías protestan contra o Plan Reitor das Illas Atlánticas
comentarios