Lara Méndez responde a Pachi Vázquez: "No PSOE non hai purgas"

A alcaldesa de Lugo asegura que no partido "a porta está aberta para todo o mundo, tanto de entrada como de saída"

Lara Méndez. SEBAS SENANDE
photo_camera Lara Méndez. SEBAS SENANDE

A alcaldesa de Lugo e presidenta do PSOE lucense, Lara Méndez, replicou ao exsecretario xeral do PSdeG Pachi Vázquez que no Partido Socialista non hai "purgas". "Hai discrepancias, hai criterios distintos, hai diversidade de opinións, hai críticas; ademais somos un partido que non temos problema en facer unha critica pública cando non opinamos o mesmo, pero purgas non", deixa claro. 

Por iso, avisou de que "as portas do Partido Socialista están abertas para todo o mundo, tanto para entrar como para saír". "Cando un non sente lexitimado co proxecto ten toda a lexitimidade para dicir que non quere continuar, pero un proxecto é moito máis que as persoas", subliña. 

Así, a Pachi Vázquez recordoulle que ocupou distintos cargos institucionais, "foi alcalde (O Carballiño), foi conselleiro (Medio Ambiente), foi, en definitiva, unha persoa que tivo moitas responsabilidades". "E moitas veces non estamos de acordo con moitas decisións que se toman desde a dirección, incluída a propia dirección de Pachi Vázquez", agregou. 

Con todo, argumenta a alcaldesa de Lugo que "iso non significa que dentro da diverxencia, dentro de criterios distintos de opinións, non teñan cabida todos". "Eu entendo así ao partido socialista, un partido onde a porta está aberta para todo o mundo, tanto de entrada como de saída de forma voluntaria", insiste. 

Gonzalo Caballero: "As primarias decídenas os militantes"
Nuns termos parecidos pronunciouse este luns o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero,  quen negou a existencia de "purgas" internas e recordoulle ao que fora secretario xeral da formación entre 2009 e 2013 que nos procesos de primarias deciden os militantes e non a dirección. 

Nunha rolda de prensa celebrada este luns e despois de que Pachi Vázquez afirmase que o "odio interno" está "a esnaquizar" ao PSOE e asegurase que deixa a organización para evitar purgas aos seus afíns, Gonzalo Caballero destacou que o socialista é un partido de máxima "participación" no que "a selección non a fai a dirección a través de ningunha purga" senón que "as primarias decídenas os militantes do PSOE". 

Comentarios