A Xunta sopesa cambiar a data de entrega da Medalla de Ouro a Angrois

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou hoxe que o Executivo estudará un posible "cambio de data" para a entrega da Medalla de Ouro de Galicia ás vítimas, voluntarios e profesionais que colaboraron nos labores de auxilio tras o accidente ferroviario de Angrois.

Esta valoración prodúcese despois da petición de cambio de día formulada polos veciños deste barrio compostelán que axudaron na traxedia ferroviaria sucedida o 24 de xullo de 2013 e que entenden que a xornada na que se cumpre o primeiro aniversario deste sinistro debe estar dedicada ao recollemento.

Así, Rueda manifestou hoxe nunha conferencia de prensa convocada por outro asunto que tal posición non hai que entendela "como protesta", xa que os portavoces veciñais declararon o seu agradecemento por este galardón e unicamente demandaron que non se entregase ese día.

Neste sentido, o vicepresidente da Xunta sinalou que o cambio de data contemplado este ano para a entrega desta distinción "totalmente merecida", do día 25 -o habitual- ao 24, obedeceu á coincidencia cos actos de homenaxe ás vítimas do accidente de tren e por iso cre que non haberá inconveniente en reformularse unha alternativa.

O máximo mandatario autonómico, Alberto Núñez Feijóo, explicou a semana pasada ao termo da última reunión do Executivo galego que o día de entrega da máxima distinción de Galicia sempre tivera un carácter festivo pero que "lamentablemente" quedará marcado por unha das "máis tristes vivencias como país".

"Este ano será unha homenaxe ás vítimas de Angrois e un recoñecemento á Galicia que o 24 de xullo se puxo a disposición de Galicia", sinalou entón o titular da Xunta, que indicou que ese día quedará "marcado polo peor e polo mellor".

As medallas adoitábanse entregar tradicionalmente o 25 de xullo, Día de Galicia, pero este ano decantáronse por entregalas o 24, coincidindo co primeiro aniversario da traxedia ferroviaria, aínda que neste momento podería darse unha nova modificación.

As declaracións de Alfonso Rueda sobre a Medalla de Ouro producíronse este mércores despois da firma dun convenio de colaboración en materia de igualdade na Compañía Radio Televisión de Galicia (CRTVG), acto no que tamén se lle consultou sobre as protestas dalgunhas plataformas de vítimas pola non creación dunha comisión de investigación parlamentaria para estudar as causas do accidente do Alvia que cubría a ruta entre Madrid e Ferrol.

Así, Rueda manifestou que a Xunta está de acordo "no fundamental", que é necesario investigar as causas, "un feito que se está facendo en sede xudicial" -dixo-, e resaltou que o importante é facilitar este labor.

"Aí hai coincidencia, nunha postura que se mantén desde hai moito tempo e seguirase mantendo porque nos parece lóxica", concluíu.

Comentarios