A Xunta multa a Audasa ata que repoña o cobro manual da peaxe

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas multou con 1.200 euros diarios á empresa Autoestradas de Galicia ata que repoña o cobro manual as 24 horas do día en ambos os sentidos nas peaxes en que deixou de prestar este servizo "de xeito unilateral".

A empresa xestiona as autoestradas AG-55 (A Coruña-Carballo) e AG-57 (Vigo-Baiona).

A Xunta informou nun comunicado de que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) estableceu unha sanción por importe de 300 euros por día de atraso na reposición do servizo nas áreas da Ramallosa I, A Ramallosa II e Porto do Molle, na AG-57, e Pastoriza, na AG-55.

Recorda que se trata da máxima sanción que establece a lexislación sobre construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aplicable ao contrato existente, sobre a que a empresa dispón agora de 15 días para presentar alegacións.

O Executivo sinala que esta decisión, que foi comunicada onte á empresa, tomouse despois de que se lle advertise á concesionaria "en reiteradas ocasións" a súa obrigación de manter aberta, cando menos, unha cabina manual cun "peaxista" as 24 horas do día en todas as áreas de peaxe das autoestradas.

Comentarios