A Xunta licita por case 900.000 euros a xestión dos plásticos agrarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación por 881.481 euros para a contratación do servizo de xestión de plásticos agrícolas xerados na Comunidade en 2012-2013.

O tratamento destes residuos supón tanto a súa recollida como o transporte e valoración de plásticos que se empregan en labores agrarios xerados en toda Galicia, polo que os traballos que inclúe o contrato comezan pola retirada de forma regular de todos os plásticos almacenados nos puntos de provisión dos distintos concellos galegos, informa a Xunta nun comunicado.

Neste sentido, a empresa que resulte adxudicataria e que terá un contrato por un período de 24 meses deberá dispor dos medios necesarios e suficientes para retirar os devanditos plásticos, como colectores e plumas, entre outras ferramentas.

O departamento autonómico prevé a recollida dunhas 8.000 toneladas de elementos compostos por este material nos dous anos de vixencia do contrato.

comentarios