A Xunta xustifica as viaxes de Feijóo porque busca ''novos mercados''

O director de Relacións Exteriores da Xunta, Jesús Gamallo, xustificou hoxe as viaxes do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ante as críticas da oposición, en que o "denominador común" é a procura de novos mercados e negocios para os sectores produtivos de Galicia.

Gamallo compareceu a petición propia ante unha comisión do Parlamento de Galicia trala polémica xurdida por mor da axenda exterior de Feijóo no primeiro semestre do ano, en que viaxou a Xapón, Panamá, México e, recentemente, a Alemaña, e o seu rexeitamento a informar os "obxectivos e resultados" destes.

Gamallo sinalou que nun contexto de crise económica "resulta vital" buscar oportunidades en países foráneos "para compensar" a contracción do poder adquisitivo doméstico e seguir mantendo financiamento prioritario para servizos públicos.

Ademais, o responsable de relacións exteriores insistiu en que as viaxes do titular da Xunta xa achegaron "resultados tanxibles" en moitos deles, como os beneficios que carrexou para o sector naval galego a súa viaxe a México.

Nesa liña, sinalou que a viaxe a Panamá do xefe do Executivo galego estaba motivado na "oportunidade de aproveitar" a construción da nova canle entre o Atlántico e o Pacífico, do que os portos galegos, que xa están "ben situados", poden obter rendemento.

Respecto da viaxe a Xapón, subliñou que se inscribe nos actos de celebración do ano dual España-Xapón, e destacou que ese país asiático presenta claras oportunidades para os sectores agroalimentario, téxtil e turístico de Galicia.

Da última viaxe, a Alemaña, en que Feijóo ía acompañado do seu conselleiro de Economía, Francisco Conde, Gamallo apuntou que se reuniu co alcalde da cidade de Hamburgo e con directivos da automobilística Volkswagen en busca de novas "oportunidades".

As explicacións de Gamallo non convenceron aos deputados da oposición, que reclamaron a comparecencia do titular da Xunta ante a Cámara autonómica.

Así, a deputada do BNG Tareixa Paz demandou comparecencias "específicas" para cada viaxe, para non repetir semestralmente "a mesma retórica", con datos sen o "máis mínimo rigor", que non permiten aos grupos medir os resultados da acción exterior da Xunta.

Na mesma liña, a viceportavoz de AGE, Iolanda Díaz, tachou a comparecencia de Gamallo de "errada" e demandou "documentación" que reflicta o diñeiro gastado ou as persoas que viaxaron co titular do Goberno galego. Díaz criticou falta de transparencia por parte da Xunta, que dificulta "de xeito extremo" a difusión da información sobre as súas viaxes.

Ademais, sinalou que só a canle autonómica RTVG o cobre, e pediu que esas viaxes poidan ser seguidas por máis medios de comunicación para dispor de absoluta "pluralidade". "Eu sei cantos mojitos se tomaron na viaxe do bipartito a Cuba, pero son incapaz de saber nada cando viaxan membros da (actual) Xunta de Galicia", reprochou Díaz en alusión ás duras críticas que o PPdeG lanzou cando estaba na oposición, acerca dun desprazamento á Feira do Libro da Habana.

Pola súa banda, a deputada socialista Marisol Soneira acusou a Feijóo de ser un "covarde político" por non comparecer ante o Parlamento autonómico para explicar a súa axenda no exterior, xa que dixo "nin sequera" os datos que facilita a Xunta respecto diso "se corresponden coa realidade".

Fronte a estas críticas, a parlamentaria do PPdeG Carmen Pardo subliñou que as viaxes do presidente galego son "ao máis alto nivel" e puxo como exemplo Xapón, onde apuntou: "Non creo que o príncipe herdeiro reciba a calquera presidente autonómico".

Pardo reprochou ao anterior Goberno autonómico que efectuase tres viaxes a Xapón en 2011, cun custo de 103.000 euros, sen obter "ningún resultado", polo que considerou que agora a oposición non pode "presumir" da súa axenda exterior.

Outra das viaxes que suscitou un desencontro entre Pardo e os deputados da oposición foi o recentemente efectuado por Feijóo a Alemaña, que a deputada do PPdeG atribuíu á procura de posibilidades de emprego para mozos galegos, no marco da formación dual, e apostilou: "Todos deberiamos aspirar a traballar fóra".

Soneira respondeulle que esa sería unha opción a ter en conta se a decisión dos mozos fose libre e non "forzosa" para unha persoa formada con interese en exercer fóra, pero non traballos precarios como "mini-jobs" ou "servindo copas" en Alemaña.

A oposición non limitou as súas críticas ao xefe do Executivo galego, senón que sinalou a outros membros como a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que, segundo Soneira: cada primavera "descobre que ten que facer unha viaxe a algún paraíso tropical do mundo".

Á súa vez, Paz reclamou por parte da directora xeral de Turismo, Nava Castro, datos "que nunca se trasladan ao Parlamento" acerca da repercusión que está a ter o ano de celebración do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, que ese departamento da Xunta, segundo Paz, tratou de comparalo como "outro ano xacobeo".

Na súa quenda de réplica, Gamallo comprometeuse a comparecer a petición propia no futuro para "entre todos" marcar prioridades de acción exterior para os próximos anos.

Comentarios