A Xunta instalará balizas entre carrís no corredor Brión-Noia

A Xunta reforzará a seguridade na vía de altas prestacións Brión-Noia, na que o pasado fin de semana faleceron catro persoas, e farao coa instalación de balizas entre carrís que marquen os sentidos da marcha, así como coa colocación de novos sinais informativos.

Estas solucións, informa nun comunicado a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, buscan incrementar a concienciación dos condutores sobre o feito de que circulan por unha vía de dobre sentido, e co fin de que adapten a súa condución e a velocidade a esa circunstancia.

O anuncio prodúcese despois de que no mencionado corredor se rexistrara un tráxico accidente mortal, o primeiro desde a súa entrada en servizo no ano 2011, e este departamento autonómico sinala na súa nota que ata o momento se rexistraban índices de sinistralidade moi baixos.

Tamén apunta que ata agora non se lograron os índices de intensidade de tráfico que se toman como referencia para acometer o desdobramento e a conversión en autovía. Con todo, especifícase que tendo en conta que o tráfico está a rexistrar un incremento gradual, o Goberno galego adoptará medidas que reforcen a seguridade.

De aí, a instalación de balizas cilíndricas cada 50 metros na separación entre os sentidos da marcha nas zonas nas que non están permitidos os adiantamentos. Estas balizas marcarán con claridade o eixo da estrada, facendo un efecto de estreitamento que redunda na moderación da velocidade.

Ademais, reforzarase a sinalización vertical coa colocación de dous carteis por sentido cada 4 quilómetros, xunto cun cartel ao principio e outro ao final da vía, que informen as condicións. Medidas similares adoptaranse noutros tramos da rede autonómica de Vías para Automóbiles, nos que se considere necesario por motivos de volume de tráfico ou pola sinistralidade rexistrada.

Paralelamente, a Xunta actuará en coordinación coa Dirección Xeral de Tráfico para a articulación de máis medidas que contribúan a incrementar a seguridade viaria nas estradas galegas. Así, analizarase co organismo estatal o reforzo da información aos condutores e das medidas de control das normas de tráfico nos tramos nos que se rexistren problemas recorrentes.

En Galicia existen 19 vías autonómicas de altas prestacións con calzada única, que ofrecen unhas condicións máis seguras para os seus desprazamentos, recorda a Xunta, e que no seu conxunto rexistran índices de sinistralidade inferiores á media do conxunto da rede autonómica de estradas.

Comentarios