A Xunta formaliza o recurso de casación pola sentenza do 'Prestige'

A Xunta formalizou ante o Tribunal Supremo o recurso de casación pola sentenza da Audiencia Provincial da Coruña tras o xuízo celebrado polo accidente do Prestige.

O fallo, emitido o pasado 13 de novembro, absolve ao capitán do petroleiro, Apostolos Mangouras, dos delitos contra o medio ambiente e unicamente considérao autor criminalmente responsable dun delito de desobediencia grave á autoridade penado con nove meses de prisión.

Os servizos xurídicos do Goberno galego, como sinala a administración nun comunicado, entenden que o responsable deste cargueiro no momento en que se afundiu incorreu nun delito contra os recursos naturais e o medio ambiente, nun delito por danos por imprudencia grave, e nun grave delito de desobediencia á Autoridade Marítima española.

Neste mesmo sentido, a Xunta aprecia que Apostolos Mangouras incorreu en graves neglixencias con algunhas das manobras feitas e pon de manifesto o estado deficiente de dispositivos de seguridade que presentaba o barco.

Así, o Executivo de Alberto Núñez Feijóo cre que a sentenza da Audiencia Provincial debe ser anulada "por infracción dos dereitos fundamentais e por infracción da lei" e reclama a aplicación do Convenio Internacional sobre Responsabilidade Civil por danos debido á contaminación por hidrocarburos de 1992.

Tamén do Convenio Internacional de Indemnización de Danos debidos a Contaminación por hidrocarburos (Fidac) tamén de 1992, en relación, todo iso, á responsabilidade civil derivada destes delitos.

Polo tanto, a Xunta reclama 1,3 millóns de euros polo custo estimado correspondente á reciclaxe e eliminación de 10.000 toneladas de residuos de fuel mesturado con area, auga, plásticos e outros elementos.

Apunta tamén que procede que o Tribunal Supremo recoñeza unha indemnización polos danos ambientais a medio prazo producidos como consecuencia do accidente, por considerar debidamente acreditados tales danos, que cuantifican en 2.433 millóns.

O recurso exposto pola Xunta mantén, igualmente, que deben ser declarados responsables civís dos danos producidos tanto o capitán do Prestige como a compañía aseguradora do barco, e a naviera armadora, como responsable civil subsidiaria.

A administración galega solicita, así mesmo, a declaración de responsabilidade civil directa e solidaria para a compañía aseguradora ata o límite cuberto pola póliza, mil millóns de dólares.

Comentarios