A Xunta estima a apertura do Centro de Recuperación de vítimas de violencia machista antes do verán

A secretaria de Igualdade, Susana López Abella, calcula que antes do verán estará en marcha o Centro Integral de Recuperación de vítimas de violencia machista, e atribúe a cuestións técnicas o atraso na súa apertura, inicialmente prevista pola administración galega para xaneiro.

López Abella interveu no acto de firma, polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dun convenio co Colexio Oficial de Psicoloxía para a atención psicolóxica a mulleres que sofren violencia machista.

Preguntada pola demora na apertura do centro de recuperación integral para mulleres que padecen esta secuela, López Abella subliñou que nestes momentos trabállase xa na súa posta en marcha, así como alegou á demora cuestións "técnicas e internas de formación do propio persoal".

De feito, asegurou que xa está a funcionar "a nivel interno" con practicamente todos os traballadores que van atender as vítimas e considerou que en breve se poderá abrir ás usuarias deste centro, que tamén traballará na coordinación das casas de acollida e os 80 centros de información á muller, así como na formación dos profesionais que traballan na prevención da violencia machista.

Tras asegurar que confía en que se converta nun centro de referencia en Galicia e no Estado, Susana López Abella indicou que falta "practicamente nada" para a súa posta en marcha, xa que os profesionais están a pór "todo a punto; está absolutamente dotado" e en breve incorporarase a súa directora.

Aínda que dixo querer ser prudente e non dar unha data pechada para a súa apertura, manifestou que en todo caso estará en marcha antes do verán.

Por outra banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, María Rosa Álvarez, renovaron un convenio para atención psicolóxica a mulleres que padecen violencia de xénero.

O convenio recolle a atención tanto a estas mulleres como aos menores ou outras persoas dependentes que vivan con elas. O pasado ano beneficiáronse deste programa 323 persoas, delas 221 vítimas, 88 mellores e 18 persoas dependentes.

No mesmo convenio tamén se recolle o programa de atención psicolóxica para homes con problemas de control da violencia no ámbito familiar, denominado Abramos o círculo, que ofrece cursos terapéuticos que abren vías de recuperación a homes con problemas de control da violencia no ámbito familiar.

O programa comezou en 2001 e o pasado ano apuntáronse a el 79 homes e participaron na terapia 39 profesionais da psicoloxía.

Comentarios