O Goberno galego devolverá aos empregados públicos outro 25 por cento da paga extra detraída en decembro do ano 2012. Esta cantidade súmase ao outro 25% que os empregados públicos xa recibiron este ano da paga de decembro de 2012, aínda que non hai data para a devolución do 50 por cento restante.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo este xoves na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que o pago dese 25% da paga farase efectivo antes de que finalice este ano 2015. Feijóo explicou que a devolución dese importe da paga é posible debido a que os ingresos da comunidade autónoma "están a comportarse de forma moi aceptable".
O máximo responsable do Executivo autonómico informou de que como única administración competente nas retribucións básicas como a paga extra, o Goberno central acaba de anunciar ás comunidades autónomas, no marco da Mesa de Negociación das Administracións Públicas, a súa intención de adiantar a devolución doutro 25% da extra e habilitar ás autonomías para que poidan facer o mesmo.
A restitución desta porcentaxe da paga extra suporá un montante de 50 millóns de euros que se imputarán aos orzamentos da Xunta para este ano 2015. Núñez Feijóo dixo que a devolución destoutro porcentaxe da paga extra é posible debido a que Galicia mantén o cumprimento de déficit público en 2015 e tamén debido a unha "decisión política" de devolver aos funcionarios o esforzo realizado.
O presidente destacou "o esforzo intenso e longo" dos empregados públicos, e recordou o compromiso do Executivo de que ese esforzo sería recompensado no momento que as posibilidades económicas de Galicia o permitiran. "Se fomos capaces de remontar a crise foi porque a responsabilidade da sociedade galega xunto coa responsabilidade do Goberno permítenos neste momento ter un horizonte moito máis despexado que a maioría das comunidades autónomas", manifestou Feijóo.
A medida suporá un ingreso medio de 400 euros, que variará en función das contías retributivas dos funcionarios públicos.
A Xunta devolverá outro 25% da extra de 2012 aos funcionarios
A devolución producirase antes de que finalice este ano e suporá un ingreso de 400 euros de media por empregado público