A Xunta destina 2,5 millóns de euros ao fomento das renovables

A Consellería de Economía e Industria aprobou 2,5 millóns de euros en apoio ao fomento das enerxías renovables a través de 420 proxectos para implantar instalacións de enerxía solar e caldeiras de biomasa e biogás.

As axudas foron canalizadas polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), cuxo director, Eliseo Diéguez, sinalou en conferencia de prensa que "a realización deste tipo de actuacións supón, ademais dun importante beneficio ambiental, como a redución de emisións de CO2 en case 12.000 toneladas ao ano, uns importantes aforros económicos", informou a Xunta nun comunicado.

Diéguez sinalou que o obxectivo é conseguir un aforro en custos superior aos 37 millóns de euros durante a vida útil das distintas instalacións, que chega en moitos casos aos 15 anos.

Para a promoción da solar térmica, o Inega destinou 600.000 euros, cunha contía máxima de subvención do 35 por cento do investimento e ata un 45 por cento para as instalacións municipais. A biomasa recibe este ano unha inxección económica de 900.000 euros, cos que se apoia a instalación de caldeiras con alimentación automática, estufas e cociñas calefactoras, cunha contía máxima de subvención do 30 por cento, ampliable a 45 por cento aos municipios.

Pola súa banda, os 450.000 euros de orzamento para a fotovoltaica conectada á rede, permitirán desenvolver proxectos de instalación integradas arquitectónicamente, cunha potencia máxima de 20 kW, e tamén se apoiarán as instalacións illadas ou mixtas. Finalmente, o orzamento para proxectos de biogás e gasificación de potencia máxima de 500 kW suma case medio millón de euros para axudas dun máximo do 15 por cento do investimento exixible.

Comentarios