A Xunta considera "un feito illado" a agresión con arma branca dun menor a outro en Oroso

O conselleiro de Educación defende que Galicia "presenta un nivel de convivencia educativa moi destacable"

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, considera "un feito illado" e "moi puntual" no sistema educativo galego a agresión cunha navalla dun menor a outro no Instituto de Oroso.

"Estes sucesos son moi puntuais no sistema educativo galego. Galicia presenta un nivel de convivencia educativa moi destacable e a inmensa maioría da comunidade educativa, como sabemos por unha macroenquisa que realizamos hai moi pouco tempo, entende que hai un bo clima de convivencia nas aulas", relatou Román Rodríguez aos medios.

A continuación, apostou por que toda a sociedade "loite conxuntamente" contra sucesos deste tipo para que "non se reproduzan". No entanto, precisou que a mencionada pelexa "sucedeu nunha contorna educativa como podía suceder na rúa". "Hoxe estarán arrepentidos", subliñou o conselleiro do ramo, quen animou ás familias, aos centros educativos e a toda a sociedade a "tomar boa nota" do acaecido e así evitar que se volva repetir.

Acto seguido, explicou que a Consellería que dirixe mandou aos equipos de inspección a avaliar a citada situación para obter información e, deste xeito, realizar unha radiografía do acontecido. "Teremos que adoptar medidas desde o punto de vista da integración educativa, da convivencia e dos valores educativos", vaticinou Román Rodríguez, quen, preguntado por se a Consellería porá en marcha algún tipo de medida para evitar que se poida levar calquera arma branca a clase, a respondido que non se pode colocar un arco de detección de metais nas portas das aulas. A este respecto, argumentou que "cando se toman medidas sempre xorden voces que as cuestionan".

Comentarios