A toxina afecta aos cultivos de zamburiña, volandeira e vieira na ría de Arousa

A presenza de toxinas lipofílicas afecta os cultivos de zamburiña e volandeira -desde este martes- e aos de vieira -desde este mércores- na ría de Arousa, segundo consta nas últimas resolucións do Intecmar que recolle a axencia de noticias Europa Press no seu portal web.

Estes cambios na evolución do episodio coñecido popularmente como marea vermella provocaron que o instituto tecnolóxico para o control do medio mariño decrete a prohibición de extraer estes moluscos bivalvos -da familia dos pectínidos-. Fronte a isto, o organismo levantou o peche en dous polígonos de mexillón de Vilagarcía (A e B2) desde este martes.

Tamén a última hora desa xornada, o Intecmar resolveu abrir o polígono B-G de Redondela, na ría de Vigo, coa particularidade de que se mantén a paralización temporal en determinadas cuadrículas.

Para rematar, dúas novas áreas de extracción de molusco infaunal -berberecho, ameixa e navalla- volven estar operativas para os mariscadores. Son as zonas I de Arousa e a III de Muros e Noia -que se suma á II, que se abriu o pasado venres e onde xa se traballa desde este luns, cando se retomou a campaña do berberecho-.

Así as cousas, en canto a cultivos de mexillón, en viveiros flotantes, que son os que habitualmente están máis afectados pola toxicidade, as últimas modificacións supoñen que haxa un total de sete polígonos abertos: dous en Vilagarcía (A e B2), un en Cambados (A2-E) e catro en Redondela (A, B-G, C-F e D).

Comentarios