A tecnoloxía galega axudará levar as novas canles de TDT ao 96% da poboación antes de novembro

A Xunta desenvolverá nas próximas semanas un plan de aceso dixital que permitirá dar acceso ás novas canles da TDT ao 96% da poboación galega antes de novembro. Segundo explicou esta mañá o secretario xeral de Medios, Afonso Cabaleiro, o Goberno autonómico contratará en exclusiva "empresas e tecnoloxías galegas" para cumprir estes obxectivos.

Así, o operador público Redes de Telecomunicación Galegas (Retegal) realizará un esforzo investidor de 2 millóns de euros (cofinanciados pola Xunta e fondos Feder) para realizar unha "segunda fase" da expansión da TDT para achegar toda a gama televisiva ás poboacións rurais. Cabaleiro opina que, con esta medida, a Xunta cumprirá un "gran servizo social" sobre todo no medio rural, xa que a televisión é "unha das maiores posibilidades de lecer" da poboación. O cambio, ademais, non afectará a aqueles que reciban as canles vía satélite.

Segundo explicou o subdirector da Secretaría Xeral de Medios, Ignacio Otero, actualmente existen en moitos lugares de Galicia problemas de acceso a todas as canles e produciuse "algún problema" que situou ao índice de cobertura completa por baixo do 90%. Ademais, existe un plan final para levar o acceso ao 98% da poboación, pero ten un custo relativamente elevado (duns sete millóns de euros) e depende da colaboración do Goberno central e dos concellos.

Por outra banda, os novos usuarios deben resintonizar os seus televisores, e, en casos de antenas comunitarias, manipular o dispositivo. A Xunta pon a disposición dos cidadáns un teléfono de información e solución de problemas, o 981.57.21.54. Tamén porán consultarse as condicións do proxecto na páxina web www.tdtgalicia.es.

CURSOS
Así mesmo, a Xunta puxo en funcionamento o programa de formación 2011 na rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Cemit), a través do que se impartirán máis de mil cursos gratuítos en 89 municipios de Galicia e do que se beneficiarán uns 10.000 cidadáns. Cabaleiro destacou os cursos de creación de videoxogos, de elaboración de webs para dispositivos móbiles e streaming de audio e vídeo pola súa capacidade para formar aos galegos en sectores económicos "de gran dinamismo".

Para levar a cabo os cursos, a Xunta contratará a profesionais "de recoñecido prestixio" que realizarán tutorías personalizadas aos alumnos. As actividades académicas constan de teoría e práctica e están orientadas tanto a persoas que desexen iniciarse nestes sectores como a profesionais que busquen reciclar os seus coñecementos.

Comentarios