A subida do canon de Sogama entra en vigor e os alcaldes aseguran que ''tomarán medidas''

Preto dun centenar de alcaldes de PSdeG, BNG e independentes reafírmanse en que tomarán medidas de presión, como un peche na Xunta, unha protesta ante o Parlamento ou recorrer a subida do canon de Sogama, no caso de que a Xunta non se aveña a buscar unha solución, xa que a actual situación é "kafkiana".

A subida da taxa do tratamento de lixos da Sociedade Galega de Medio Ambiente en case un 34 por cento entra hoxe en vigor, contra o criterio dun centenar de alcaldes, "todos menos os do PP", apuntou a EFE o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez.

O rexedor nacionalista insistiu en que o día que entra en vigor a taxa os alcaldes seguen abertos ao diálogo ante este problema "que non xeramos nós" senón o Goberno, que non renovou as primas ás renovables, polo cal Sogama perdeu ingresos.

Severino Rodríguez indicou que os alcaldes estarían dispostos a unha repartición equitativa da subida do canon: que unha parte a asumise a propia empresa, outra a Xunta e tamén os municipios.

No caso de que o Goberno galego non acepte dialogar, manterán as súas mobilizacións, que pasan pola presentación dun recurso contencioso-administrativo. Logo, cando chegue a primeira factura, os alcaldes pagarán "o que di o contrato", o custo actual máis o IPC, e o incremento será ingresado no xulgado, para que os Concellos non teñan que pagar intereses no seu caso.

Logo, o próximo día 11 os alcaldes e cargos municipais están convocados fronte ao Parlamento e o mesmo día concentraranse fronte á Xunta, un momento en que decidirán a data para encerrarse "permanentemente" nas súas dependencias.

"A repartición ha de ser equitativa, non pode ser unha imposición, bastante xenerosos somos" ao aceptar asumir unha parte da subida do canon, manifestou.

Mentres, o alcalde socialista de Ribadavia, Marcos Blanco, indicou que hoxe, en que se aplica a subida, ponse de manifesto a "incapacidade" da Xunta e do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, para poder chegar a un acordo "cos representantes dos veciños".

Tras "tender a man por activa e por pasiva" por parte dos alcaldes, dixo, chegouse a unha situación "kafquiana" que supón o rexeitamento "do diálogo e o consenso" que ofrecían para que todas as administracións asumisen a subida.

O presidente da Xunta e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, "pecháronse en banda por activa e por pasiva", sinalou Marcos Blanco, para quen os alcaldes non son "díscolos" senón que tratan de evitar que a subida recaia nos veciños.

Tras sinalar que este ano en Ribadavia non se lle repercutirá a subida aos veciños, sinalou que a medida máis importante que tomarán será recorrer a subida e tamén farán ver á cidadanía que esta situación vén dada pola "nefasta" xestión de Sogama e a falta de interese do Goberno en chegar a acordos.

"A posibilidade do diálogo os alcaldes non a pechan nunca", insistiu Blanco, para quen si o fai é o Goberno galego, "con cadeados ".

Comentarios