A ''segregación ocupacional'' leva ao 82% das mulleres a traballar no sector servizos

O sindicato CCOO-Galicia centrará o seu "traballo" coas administracións públicas e coa patronal, no marco da negociación colectiva, en combater a "segregación ocupacional", ao constituír “un dos problemas máis graves” na loita pola igualdade das mulleres no mercado laboral. Así o indicou Mabel Pérez, a responsable de Muller na executiva do sindicato, quen explicou que a lema da central de face ao Día Internacional das Mulleres, que se celebrará o 8 de marzo, será 'Igualdade no emprego, equidade na pensión'.

A representante da central alertou das desigualdades no acceso a determinados empregos masculinizados do sector privado, mentres que nas administracións públicas as mulleres xa son 109.900 fronte a 86.600 homes, grazas á "maior obxectividade no acceso ao emprego". Así, Pérez constatou que os servizos concentran o 82% do emprego feminino, un nicho no que se dan "as peores condicións de traballo, salario e de xornada”.

Fronte a isto, as mulleres apenas suman o 9% do persoal da industria -46.600 mulleres-, un sector "no que está o emprego máis estable e con mellores salarios e condicións". Para superar esta situación, reclamou que as bonificacións á contratación sirvan para eliminar "os desequilibrios e que se impulsen" os plans de igualdade, obrigatorios nas empresas de máis de 250 traballadores.

Nun acto no que tamén se presentou un informe sobre a situación da muller no mercado de traballo autonómico, Pérez chamou a atención sobre a elevada temporalidade dos contratos femininos -que pechou 2010 no 28%- e sobre o peso dos empregos a tempo parcial -dun 20% entre as mulleres fronte a só un 5% entre os homes-. Ao seu xuízo, estas dúas condicións limitarán as posibilidadades das galegas de alcanzar unha pensión contributiva máxima, ao incidir de forma negativa na súa cotización. "O mapa laboral actual, determinado pola precariedade, a entrada e saída do mercado laboral e polos contratos a tempo parcial, é o mapa das futuras pensións", recordou a representante de Comisións. Partidaria de "modificar" esta situación, Pérez avogou por facer entender ás empresas que a rendibilidade económica pasa "pola calidade, a investigación e a igualdade".

Así mesmo, a sindicalista alertou do "gravísimo problema" derivado da falta de absorción polo mercado de traballo do elevado continxente de mulleres cualificadas, con titulación superior. Neste segmento, o paro chegou case a duplicarse, ao pasar de 15.800 desempregadas en 2007 ás 30.200 de 2010. Dado que este colectivo supón o 31% das 97.400 paradas, Pérez reclamou á Xunta que se implique para resolver esta situación.

A autora do estudo, a economista Silvia Parga, pola súa banda, explicou que as estatísticas evidencian a "ineficacia" da reforma laboral á hora de potenciar a contratación indefinida no sector privado. Na segunda metade do ano, o número de contratos fixos entre as asalariadas baixou en 5.700, o que supón unha caída do 3% respecto ao mesmo período de 2010. Namentres, rexistráronse 6.000 contratos eventuais máis, o que implica un repunte dun 8%.

No sector público, a contratación indefinida segue unha tendencia á alza con 79.100 ocupadas, un 3,3% máis que en 2009, mentres que o traballo temporal se reduciu un 12%, con 31.200 mulleres activas. Segundo o informe, dos 45.800 empregos destruídos no pasado exercicio na comunidade, 14.600 estaban ocupados por mulleres.

Comentarios