A Policía realiza un rexistro na Deputación de Lugo pola obra da piscina de Monterroso

Un total de dez axentes do Corpo Nacional de Policía envorcaron hoxe na Deputación de Lugo correos electrónicos intercambiados entre unha traballadora da institución provincial e a empresa Gamallo dentro da investigación aberta para determinar se se cometeron "irregularidades" nas obras da piscina de Monterroso, segundo explica un comunicado do Goberno do bipartito nun comunicado.

As axentes chegaron pasadas as dez da mañá ao Pazo de San Marcos e abandonárono unha vez foron envorcados os datos, ao redor da unha do mediodía.

O rexistro foi levado a cabo nun despacho en concreto, aínda que o escrito explica que "a Deputación de Lugo xa puxera en coñecemento da Fiscalía as presuntas irregularidades" que detectara "nas obras que esta -empresa- construtora" estaba a realizar na piscina municipal de Monterroso.

De feito, recorda tamén nese conciso escrito, que "froito da denuncia realizada pola propia Deputación de Lugo está aberta unha investigación instruída polo Xulgado de Instrución Número 1" da capital lucense, neste caso "pola xuíza de apoio Hortensia Bouso".

A investigación trata de determinar se se produciu un desfasamento de 323.937 euros nas obras da piscina climatizada de Monterroso.

En concreto, intenta aclarar se se deu por boa unha certificación presentada pola empresa construtora na que se indicaba que só quedaban por realizar traballos por un importe de 5.523 euros, cando en realidade faltaba por executar unha parte do proxecto valorada en máis de 300.000.

As obras para a construción dese complexo deportivo, financiado pola Deputación de Lugo, foron adxudicadas no ano 2010 á citada empresa construtora por un importe de 1.276.485 euros.

Comentarios