A Policía detén a un home por escavar na factoría de salgadura de peixe de Vigo

A Policía Autonómica en Vigo informou da imputación dun home como presunto autor dun delito contra o Patrimonio Cultural Galego por extraer moedas dun xacemento arqueolóxico romano.

O imputado foi sorprendido na Praia do Fiunchal en Alcabre-Vigo, onde se atopa unha factoría de salgadura de peixe, que está catalogada como Ben de Interese Cultural.

O imputado estaba a escavar no xacemento, o que podería considerarse unha intervención arqueolóxica non autorizada, polo que se instruíron dilixencias que foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 8 de Vigo.

Como resultado deste traballo, o imputado extraera sete moedas, que lle foron comisadas e enviadas ao Servizo de Museos e Arquivos da Consellería de Cultura para o seu estudo.

Comentarios