A voraz vaga de incendios arrasa máis de 7.000 hectáreas desde o luns

A alerta por risco para as casas segue declarada en Entrimo, onde arderon 2.800 hectáreas e o alcalde estuda pedir axudas de urxencia ► Continúan activos os focos de Chandrexa de Queixa, Monterrei, Oímbra, Boborás, Muíños, Lobeira, O Carballiño, Navia e Chantada

A vaga de incendios forestais que sofre Galicia desde este luns é xa máis voraz que a da segunda semana de agosto, ao arder máis de 7.000 hectáreas en só tres días e medio, fronte ás ao redor de 6.000 queimadas nese mesmo espazo de tempo o mes pasado. Na tarde deste xoves o nivel dous de alerta por risco para as casas mantívose activo no lume de Entrimo, que calcinou 2.800 hectáreas, das que 500 son arboredos.

O alcalde de Entrimo, o socialista Ramón Alonso, avanzou que van estudar solicitar axudas de urxencia tras a "catástrofe ambiental, forestal e veciñal" sufrida na localidade, que xa queimou preto de 3.000 hectáreas e provocou danos nunha granxa, completamente queimada; hórreos, hortas, árbores, e incluso chegou a acceder ás instalacións onde organizan os campamentos de verán, aínda que sen provocar danos maiores. "O lume foi inmenso, con focos desprazándose dun lado a outro. Por momentos, estivemos en xaque intentando ver onde reaparecía", lamentou.

Trátase do lume máis devastador deste verán e afecta todo a unha zona declarada Lugar de Interese Comunitario (LIC), en Rede Natura. Pero non é o único concello ourensán devorado polas chamas. En Oímbra arrasaron 2.035 hectáreas e en Lobeira son xa 75 as hectáreas afectadas. O último foco declarouse no concello de Chandrexa de Queixa e moi pronto superaba xa as 20 hectáreas. Súmase ao de Boborás, localizado nas parroquias de Brués e Xurenzás, que quedou controlado sobre as 17.00 horas deste xoves logo de devorar unhas 600 hectáreas de monte, das que 285 son de monte arboledo, e ao de Monterrei, que se deu por estabilizado, que non controlado, pero xa incinerou unhas 300 hectáreas, a maior parte de árbores. 


Extinguido quedou ás 19.05 horas o incendio do Barco de Valdeorras, na parroquia do Barco, tras empezar ás 17.35 horas do mércores. Segundo as últimas estimacións, afectou a unha superficie de 25 hectáreas, das que 20 son de arboreda. Previamente, sobre as 17.50 horas, quedara sufocado o lume rexistrado na Fonsagrada, na parroquia lucense de Paradavella, que empezara sobre as 8.34 horas deste mércores e destruíu 104 hectáreas, das que 44 son arboreda. 

Á marxe dos citados, permanecen controlados o lume rexistrado en Navia de Suarna (Lugo), na parroquia de Rao, cunha superficie afectada de 55 hectáreas, das que 15 son de monte arboledo; e o da parroquia de Requiás, en Muíños (Ourense), que afecta a unha superficie de máis de 800 hectáreas (50 arboredos), todas elas dentro do Parque Natural do Xurés. No Carballiño tamén segue controlado o lume rexistrado na parroquia de Lobás, cuxa superficie afectada é de 40,8 hectáreas, das que 38 son arboredos. Tamén controlado está o incendio de Chantada , tras afectar a unha superficie de 106,44 hectáreas, 49,14 arboredos. 

Mentres, en Boiro, na parroquia de Bealo, quedou extinguido outro incendio ás 14.35 horas deste xoves, tras afectar a unha superficie de 32 hectáreas, das que 12 son arboredos. Esta localidade viuse moi afectada pola onda de agosto, cun gran lume que obrigou a desaloxar vivendas. 

Comentarios