Sen consenso sobre a comisión de seguridade viaria

O rexeitamento do PPdeG á comparecencia de vítimas do accidente ferroviario de Angrois impediu o consenso total na comisión parlamentaria non permanente de estudo da seguridade viaria, aínda que o plan de traballo foi aprobado coa única abstención do BNG.

O portavoz do partido maioritario, Alejandro Gómez Alonso, aceptou a práctica totalidade das propostas dos grupos da oposición, incluído o calendario proposto polo Bloque, pero apuntou que a comparecencia das vítimas do accidente do día 24 de xullo sería "politizar" unha cuestión que se atopa no ámbito xudicial e ten o seu órgano parlamentario nunha subcomisión do Congreso.

No entanto, Gómez Alonso insistiu en que o seu grupo desexa que na comisión prime "o consenso e o acordo político", por considerar que se trata dunha "cuestión de país". Por iso, tras aceptar as comparecencias e documentación solicitadas pola oposición e o "cronograma", que considerou "intenso pero viable", tamén deu o visto e prace á proposta socialista de que quede "a porta aberta" á posibilidade de incorporar presenzas e informes que o desenvolvemento dos traballos da comisión faga necesarios.

O representante do PPdeG chamou ao consenso ao BNG na súa segunda intervención, cando o BNG xa anunciara o seu voto, e resaltou que o obxecto é estudar a seguridade viaria, na que non considera que se engloba o transporte por ferrocarril.

Tanto Ana Pontón (BNG), como Consolo Martínez (AGE) lamentaron a exclusión das vítimas de Angrois, coas que a primeira dixo que o Parlamento de Galicia ten unha débeda "moral e política" e resaltou que non se pode falar de seguridade viaria sen falar da intermodalidade no transporte. Martínez defendeu tamén que se fale de todo "tipo de transporte colectivo" e afirmou que é sabido que "para o PP Angrois é un problema".

O socialista Raúl Fernández subliñou que o fundamental serán as conclusións e "a vontade de levalas a cabo", polo que coincidiu con outros portavoces na importancia de que se desenvolva tamén unha "avaliación permanente" da eficacia das medidas que se adopten.

Tras esta primeira sesión, a comisión non permanente de estudo da seguridade viaria en Galicia recibirá comparecencias desde febreiro a abril, para recompilar documentación ata marzo e desenvolver os traballos de relatorio e elaboración do ditame en maio e xuño para o seu debate e aprobación, se procede.

As comparecencias englóbanse nun amplísimo abanico, con asociacións de vítimas, institucións da administración central e autonómica e da Xustiza ou o Valedor do Pobo, investigadores, usuarios, concesionarios de vías, asociacións de mantemento, seguros, sindicatos, organizacións sociais e xuvenís, entre moitos outros.

Comentarios