A marea vermella mantén pechadas 45 zonas de bateas

A marea vermella mantén pechadas este fin de semana 45 zonas de bateas nas rías galegas e tan só permanecen abertas seis en Redondela, na ría de Vigo, e tres na de Arousa, nos polígonos da Pobra, Cambados e O Grove.

Segundo o informe do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) de Galicia, actualizado a última hora da tarde de onte, dos polígonos abertos tres cultivan ostra, dúas en Cambados e O Grove, e un en Redondela.

O pasado mércores, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, dixo confiar en que a marea vermella que afecta as Rías Baixas "vaia evolucionando relativamente rápido", pois a súa concentración nas augas "parece ser que non está a aumentar".

Mentres, a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, asegurou que a situación era dunha "certa estabilidade" e que existía "certo optimismo" respecto de que a marea vermella haxa pasado xa o seu punto álxido.

Comentarios