A loita contra o lume contará con 7.000 efectivos

A Consellería de Medio Rural publicará esta semana dúas ordes de axudas por importe total de 9,3 millóns de euros, que se sumarán a outros seis previstos este ano para limpeza de montes e silvicultura, co fin de previr incendios forestais antes do inicio da campaña de alto risco.

A titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, anunciou estas iniciativas tras participar na constitución do Comité Integrado de Prevención de Incendios Forestais de Galicia (CIPIG), no que tamén interviñeron o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o subsecretario do Ministerio do Interior, Luis Aguilera, e o delegado do Goberno, Samuel Juárez.

Tras o encontro, celebrado na Consellería de Presidencia en San Caetano, Rueda e Aguilera destacaron a coordinación e cooperación entre ambas as administracións no dispositivo contra incendios ante a campaña de alto risco que comeza o 1 de xullo e prolongarase ata o próximo 30 de setembro, que manterá os 7.000 efectivos destinados o pasado ano.

O subsecretario de Interior incidiu, a preguntas dos xornalistas, en que este verán non diminúen os medios previstos senón que o dispositivo é "exactamente o mesmo" fóra dalgún cambio de localización de medios aéreos, como avións de coordinación e apoio, que en lugar de ter a súa base en Galicia terana en León. Neste sentido, destacou como "adecuada e suficiente" a dotación de medios para o control, prevención e extinción dos lumes, os que para o vicepresidente galego implica contar cun operativo coordinado perfectamente.

Ata o momento, segundo datos da conselleira que citou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga), Galicia rexistrou máis de 350 incendios a pesar de que se comenta moito que aínda non chegou o verán debido ao mal tempo, recordou, e foron detidas 10 persoas por lumes intencionados. Ademais, a día de hoxe solicitáronse por escrito máis de cen brigadas municipais na provincia de Ourense, unhas 87 na Coruña, máis de 60 en Lugo e 23 en Pontevedra, precisou.

No entanto, e para previr os incendios forestais, Medio Rural incrementará en 6,2 millóns o orzamento (de seis millóns) destinado este ano a axudas para o fomento da silvicultura nos montes e do que se beneficiarán os propietarios de montes ou comunidades en man común co obxectivo de desenvolver tarefas de limpeza. Así mesmo, esta semana publicarase tamén outra orde de axudas para a prevención e defensa contra os incendios en montes veciñais en man común, por 3,3 millóns de euros, dirixida ao control selectivo de combustible (rozas) e a construción de puntos de auga.

Quintana agradeceu, en declaracións aos xornalistas, a implicación de todas as administracións públicas, tanto local, como autonómica e estatal e Forzas e Corpos de Seguridade na prevención desta secuela, o que ao seu xuízo é unha mostra da "conxunción de esforzos" para que Galicia permaneza "máis viva" e "máis verde".

Fixo un chamamento aos cidadáns para que se somen a este esforzo, de maneira que este ano a comunidade pase á historia cun "ano sen incendios" e conserve os seus montes produtivos, apostilou a conselleira.

Comentarios