A Xunta Electoral considera infracción a presenza de Feijóo na firma con Pemex

A Xunta Electoral de Galicia admitiu a denuncia do PSdeG contra a presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez, na firma dun acordo con Pemex para a construción de dous hoteis flotantes en Galicia.

A autoridade electoral galega require, ademais, á Xunta para que retire a noticia, incluída a gravación do acto e o discurso de Núñez Feijóo, da páxina web da Xunta.

Na súa resolución, facilitada polo PSdeG, a Xunta Electoral considera que "a asistencia do presidente da Xunta e candidato do Partido Popular" ao acto de firma entre Pemex e as empresas navais Barreiras e Navantia constitúe unha "infracción" do artigo 50 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral.

Ademais, sinala que a presenza de Núñez Feijóo na firma do acordo entre a petroleira mexicana e os estaleiros non dá lugar a procedemento sancionador, aínda que advirte de que se podería iniciar no caso de reiterarse condutas semellantes".

Nos fundamentos de dereito, a Xunta Electoral cita o artigo 50 da Loreg sobre límites das campañas institucionais e dos actos de inauguración realizados polos poderes públicos en período electoral.

Explica que se entende como campaña institucional permitida aquela de carácter informativo que resulte imprescindible para a salvagarda do interese público ou para o correcto desenvolvemento dos servizos públicos.

Ao seu entender, estes requisitos non se deron na asistencia de Núñez Feijóo ao acto de firma do acordo da petroleira e os estaleiros, polo que ditou a súa resolución ao respecto, contra a que se pode presentar recurso de alzada.

En opinión do secretario de organización do PSdeG, Pablo García, a presenza de Núñez Feijóo no citado acto, "supón unha evidente mostra de nerviosismo e un intento desesperado de tapar a nefasta xestión do seu Goberno en apoio ao naval galego".

Tras as "serias e contundentes" advertencias da autoridade electoral, o dirixente socialista demanda "reflexión" ao candidato do PPdeG e ao seu responsable de campaña, Alfonso Rueda, "que ademais é o conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia".

Por iso, demanda a dimisión de Rueda "para evitar sospeitas sobre o uso partidista dos medios da administración pública galega".

Tras insistir en que "quen é responsable do operativo electoral no Goberno é responsable da estratexia electoral do PP", o secretario de organización do PSdeG denuncia que esta situación "xera serias e fundamentadas dúbidas sobre a limpeza no proceso electoral", polo que pediu que se siga o exemplo do conselleiro de Interior do Goberno vasco, Rodolfo Ares, que cesou para dedicarse á coordinación da campaña.

Comentarios