A Garda Civil detén a dúas persoas tras perseguilos e disparar contra o coche que ocupaban

Axentes da Garda Civil de Bande detiveron na mañá deste venres dos dous ocupantes dun vehículo tras unha persecución que se prolongou por espazo de media hora, e na que os axentes dispararon contra o turismo para intentar que se detivese.

Segundo informaron fontes do instituto armado, durante un control rutineiro no quilómetro 37,500 da estrada N-531 os axentes observaron que un turismo marca BMW ocupado por dúas persoas deuse á fuga a gran velocidade.

Un dos ocupantes do coche, segundo a mesma fonte, esgrimiu unha arma curta polo que os axentes da Garda Civil realizaron dous disparos coa súa arma regulamentaria, alcanzando unha roda e parte da defensa.

Tras unha persecución que durou uns 30 minutos, os ocupantes foron interceptados e detidos sobre as 10:20 horas no quilómetro 35,500 da estrada N-531, en Freás de Eiras.

Os detidos, con antecedentes policiais, son un cidadán portugués, J.G.C, de 27 anos, veciño de Murcia, e V.C.S, de 26 anos, orixinario de Brasil e veciño de Tui.

A ambos se lles imputa un presunto delito de desobediencia e ameazas a axentes da autoridade.

A Garda Civil informou de que se despregou un dispositivo para intentar localizar a pistola que esgrimiu un dos ocupantes do vehículo.

Comentarios