A Fegamp non recorrerá a subida do canon de Sogama

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) non interporá un recurso xudicial contra o incremento do canon de Sogama, despois de que a comisión executiva rexeitase, cos votos do alcalde do Partido Popular, a solicitude de PSOE e BNG.

O presidente da entidade supramunicipal, o popular José Manuel Rey Varela, manifestou, informa un comunicado, que "os concellos teñen liberdade de acción para tomar as decisións que consideren oportunas no exercicio da súa autonomía local" e a Fegamp manterase á marxe ao detectarse "posicións diversas". Este organismo, sinala a nota, mantén o seu rexeitamento á subida do 34% prevista para 2014, dá "liberdade de acción" e lamenta que non se puidese alcanzar un acordo.

Rey Varela expuxo á executiva o labor de interlocución coa Xunta realizada para abordar esta cuestión, logo da solicitude exposta por un grupo de rexedores de Lugo e Ourense nas últimas semanas. Segundo apuntou, tras os contactos coa Consellería de Medio Ambiente, está en posesión de afirmar que o actual contexto normativo do sector enerxético estatal e as previsións dun novo regulamento aínda máis restritivo e lesivo para os intereses de Sogama imposibilitaban abrir unha negociación para "modular" a subida prevista para o 1 de marzo.

Na súa exposición, este político detallou que ante as dificultades do escenario "nin tan sequera é posible recuperar o preacordo alcanzado en novembro para atrasar a subida ao 1 de xullo e limitala ao 17% no conxunto do ano", medida que foi rexeitada por diferenzas na Executiva e que impediu a súa aplicación.

Rey Varela ratificou de novo que "ningún alcalde está de acordo con este" aumento "nas actuais circunstancias" e agregou que a Fegamp xamais "avalou esta subida, nin cando negociamos en novembro a medida paliativa de atrasala ao 1 de xullo".

A Comisión Executiva tamén analizou as consecuencias que para os concellos ten a reforma local, logo das súas primeiras semanas en vigor, principalmente a cuestión relativa á repartición de competencias entre as administracións municipal e autonómica. Neste apartado, Rey Varela insistiu en que hai aberto unha canle constante de comunicación coa Dirección Xeral da Administración Local para estudar os efectos da reforma e adoptar as medidas oportunas que permitan manter e garantir servizos públicos de proximidade desde os concellos.

Ao apartado de gastos de saúde dedicouse unha atención especial, posto que segundo a disposición transitoria primeira da Lei 27/2013 do 27 de decembro, as autonomías disporán de cinco anos para asumir paulatinamente estes servizos sanitarios, a razón do 20% anual.

Segundo os datos de 120 concellos consultados directamente pola Fegamp, o gasto en centros de saúde nos primeiros once meses de 2013 ascendeu a 2,63 millóns, que se deben sumar aos 5,2 dos programas de atención a drogodependentes e outro millón máis estimado nos plans de prevención. "En total, será un gasto de ao redor de dez millóns de euros", valorou Rey Varela, para quen "é esencial abrir un diálogo coa Consellería" de Sanidade que derive na folla de ruta para o proceso de transferencia destes servizos ao Sergas.

Comentarios