A expansión da marea vermella obriga a pechar máis zonas de marisqueo

toxina390.jpg
photo_camera toxina390.jpg

A expansión da marea vermella cara ás Rías Altas provocou novos peches en dúas novas zonas de marisqueo en Cariño-Ortigueira e Corcubión-Fisterra, segundo consta no último informe do Instituto Tecnolóxico do Mar actualizado ás dúas da tarde.

En total son dez as zonas de recolección de moluscos infaunales (navallas, ameixas e berberecho, fundamentalmente) pechadas pola presenza de bacterias nas Rías Altas, aínda que nunha, a de Corcubión-A Laxe, a prohibición limítase a extracción do mexillón en parques de cultivo.

Nas Rías Baixas están afectadas outras dez zonas de infaunales, aínda que en tres delas (Pontevedra V e Vigo I e II) permítese a extracción da navalla, do mesmo xeito que sucede na I de Muros-Noia.

En canto aos viveiros flotantes, hai zonas abertas na Ría de Arousa, na Pobra (mexillón), Cambados (mexillón e ostra) e O Grove A (ostra); e na de Vigo, seis da zona interior, en Redondela, todas de mexillón excepto unha de ostra.

Todas as zonas de marisqueo de vieira permanecen pechadas (en tres da Ría de Arousa permítese a súa recolección para a evisceración), e pódese coller zamburiña en oito zonas, nas rías de Ferrol (1), Muros-Noia (2), Arousa (4) e Vigo (1).

O pasado mércores, a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, dixo confiar en que a marea vermella que afecta as Rías Baixas "vaia evolucionando relativamente rápido", pois a súa concentración nas augas "parece ser que non está a aumentar".

Mentres, a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, dixo que a situación era dunha "certa estabilidade" e que existía "certo optimismo" respecto de que a marea vermella pasara xa o seu punto álxido.

Comentarios