A Deputación de Lugo, pioneira en licitar a súa relación cos bancos

A Deputación de Lugo anunciou hoxe que será "a primeira de Galicia en sacar a licitación pública a selección de entidades de crédito coas que traballará a institución provincial" e en incorporar "cláusulas sociais nese concurso pioneiro, en defensa dos dereitos dos cidadáns e do público".

Así o anunciaba este mediodía en rolda de prensa o portavoz socialista do goberno bipartito, Manuel Martínez, logo da xunta de goberno na que se aprobaron os pregos deste procedemento, que serán publicados nos próximos días no Boletín Oficial da Provincial (BOP) e no Perfil do Contratante.

Martínez precisou que se valorarán por parte da institución aspectos como "non contar con preferentes nin subordinadas" ou que, na súa falta, "fosen resoltas de forma satisfactoria para os cidadáns".

Tamén se terá en conta "o número de oficinas" que teñan as entidades financeiras "distribuídas polos concellos da provincia", así como "o persoal que presta servizo nas mesmas", segundo Martínez, "en defensa da prestación de servizos e a xeración de emprego no rural lucense".

Outro dos aspectos que se valorará nese concurso é "a mellora salarial e laboral dos traballadores" desas entidades, así como "os plans de formación" para o persoal.

Ademais, teranse en conta cuestiones "como o nivel de satisfacción dos clientes ou as actividades de promoción que realice para promocionar a provincia de Lugo"

Comentarios