A defensa de Orozco pedirá o seu sobresemento na peza referida a García Gesto

A defensa do alcalde de Lugo, José López Orozco, anunciou que a próxima semana solicitará formalmente o sobresemento da causa contra o seu cliente nunha das pezas nas que foi dividida a operación Pokemon referida ao empresario Miguel García Gesto.

En declaracións a EFE, o letrado Gregorio Arroyo confirmou que a defensa do rexedor local estivo estes días "examinando con todo detalle a peza de García Gesto".

Engadiu que esa peza pasou a mans da xuíza de reforzo Hortensia Bouso por mor dun incidente que protagonizou o empresario coa titular do Xulgado de instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara.

Segundo o letrado, nin nos "dous tomos en papel" que xa estaban en poder da defensa, nin nos "56 restantes" que se incorporaron a esa causa, "hai nada que faga referencia ao alcalde".

De feito, afirmou que "hai tomos e tomos nos que nin sequera aparece mencionado o seu nome", polo que sinala que a próxima semana a defensa pedirá o sobresemento.

Comentarios