A CRTVG defende a súa "liña informativa correcta" ante a denuncia a Baltar

O director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, asegura que non incluíu os audios da información porque non hai "imputación ou algo semellante"
El director general de la CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, este jueves en comisión parlamentaria
photo_camera El director general de la CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, este jueves en comisión parlamentaria

O director xeral da Compañía Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, defendeu este xoves a "liña informativa correcta" do ente público ante a denuncia feita ao presidente da Deputación de Ourense por unha muller que lle achaca terlle pedido sexo a cambio dunha praza fixa. Na comisión de control da CRTVG, este directivo dixo que se os medios públicos galegos non se fixeron eco de todas as gravacións que achega esta denunciante, é porque é a práctica a seguir en todos os casos semellantes e isto ocorre "ata que hai un suposto xurídico suficiente, imputación ou algo semellante".

Por iso, a unha pregunta de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), contestou Sánchez Izquierdo que se recolleron os feitos, as opinións dos portavoces de distintas forzas políticas, a do propio aludido, Manuel Baltar, e nos faladoiros deuse voz e houbo incluso "unha liña moi crítica". "Pouco máis estamos en condicións de facer neste momento. A evolución deste proceso e desta circunstancia obrigaranos a reaccionar e a tomar decisións nunha dirección ou outra", subliñou, e defendeu o amplo seguimento dos informativos da CRTVG, co cal "algo terán, algo non tan detestable nin censurable".

En todo caso, viu con bos ollos que os grupos que están representados na Cámara sinalen o que consideran "defectos ou fallos", porque "isto paréceme moi necesario", e garantiu que a CRTVG seguirá desempeñando o seu labor coa máxima "pulcritude".

O deputado Juan Manuel Fajardo, que foi o que o interpelou, lamentou que TVG e RG non emitan os audios que están en poder desta muller e que "din o que din", nos que se intúen "actitudes inaceptables", completou. Argumentou Fajardo que non é "un tema persoal", como interpreta que quere facer ver Baltar, e que "volver ao medievo é francamente inaceptable", á parte de recorrer, a continuación, á ironía para comprender as explicacións de Sánchez Izquierdo, coas que incluso se expón "facer un blogue" por como fai unha enarborada defensa de algo "que é absolutamente indefendible".

Unha muller denunciou ao presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao que acusa de pedirlle en 2010 sexo a cambio dun traballo, en concreto dunha praza fixa e pública que nunca obtivo, e este político galego anunciou que emprenderá "todas as accións xudiciais precisas". "Toda a contundencia da lei", adiantou, xusto despois de que eldiario.es publicase o texto que a suposta afectada, que non se identifica, presentou ante a Fiscalía e no que esta conta que desempeñou o seu traballo no ente provincial, sen a condición de fixa, entre 2003 e 2009, á parte de colaborar co PP de Ourense na organización de congresos e actos varios.

Presentouse, segundo indica, a oposicións para lograr unha vacante estable, pero non aprobou. E, en base ao seu relato, Manuel Baltar, que entón non era presidente, prometeulle unha praza fixa se mantiña con el relacións sexuais, panorama no que, "ante a necesidade", recoñece que accedeu e citouse nun hotel, para o que tiña hora, lugar e instrucións de como debía facer e actuar.

Explica esta persoa, sempre segundo a súa versión, que aí consumou, pola necesidade que tiña dese traballo estable, pero despois negouse a repetir tal acción ata non ver cumprida a promesa de que se arranxarían as "puntuacións" para ela poder ter ese posto, algo que comenta que non ocorreu xamais, e conta a denunciante que pasou por unha enfermidade moi grave, da que se está curando, e que se sentiu "humillada" porque o único que sucedeu é que se aproveitaron "sexualmente" dela, expón.

Móstrase disposta a declarar un lustro despois daquilo, a achegar mensaxes explícitas e máis información. O pasado 12 deste mes foi cando decidiu dar este paso en firme, o de ir á Xustiza.

Comentarios