Galicia encara unha fin de semana pasada por auga

Protección Civil advirte de que as choivas afectarán "especialmente" a Galicia, Estremadura, Andalucía, Castela, Cataluña ou Baleares e lanza unha serie de recomendacións aos cidadáns en caso de inundación
Calle inundada en Mondoñedo
photo_camera Calle inundada en Mondoñedo

A Dirección Xeral de Protección Civil e Urxencias lanzou aviso polas fortes choivas que o domingo afectarán "especialmente" a Galicia, Aragón, Castela e León, Estremadura e Andalucía. O sábado poderán incluso chegar a acumularse ata 15 litros de auga por metro cadrado nunha hora nalgunhas zonas, sobre todo do sur de España, Cataluña ou Baleares.

No caso galego, as precipitacións comezarán o sábado polo oeste e o sur da comunidade, tendendo a xeneralizarse xa pola noite, cando gañarán intensidade, sobre todo en Pontevedra e o sur da Coruña. O domingo seguirán os chuvascos, fortes e tormentosos no sur e o oeste da autonomía, pero que se producirán de forma ocasional no norte da Coruña e na provincia de Lugo. 

RECOMENDACIÓNS. Ante esta predición para o fin de semana, Protección Civil recorda aos cidadáns que existe risco de inundación se empeza a chover de xeito torrencial e advírtelles de que non deben intentar atravesar co seu vehículo, nin a pé, os tramos alagados. No seu lugar, recomenda localizar os puntos máis altos da zona e non tratar de salvar o automóbil no medio dunha inundación.

Ademais, dado o difícil prognóstico dos fenómenos tormentosos nesta época do ano, aconsella permanecer informado da evolución dos cambios meteorolóxicos e seguir as recomendacións das autoridades locais. Así mesmo, ante as choivas intensas recomenda aos condutores que diminúan a velocidade, extremen as precaucións e non se deteñan nas zonas onde poida discorrer gran cantidade de auga, así como viaxar preferentemente por estradas principais e autoestradas.

En caso de tormentas súbitas e choivas intensas é preciso ter en conta o lugar onde se aparcan os vehículos, porque o rápido ascenso do nivel das augas pode danar os coches que estean estacionados sobre zonas inundables e arrastralos, provocando danos a bens alleos e incluso obstaculizar o fluxo natural da corrente. 

Finalmente, a quen se atope no campo, Protección Civil recomenda afastarse dos ríos, torrentes e zonas baixas de ladeiras e outeiros e evitar atravesar os vaos alagados.

Comentarios