A comisión electoral do PSdeG ratifica a Besteiro e Vázquez como candidatos ás primarias

A comisión electoral do PSdeG cumpriu hoxe o trámite de ratificar aos dous candidatos que concorrerán o 7 de setembro á Secretaría Xeral desta forza política.

Este órgano do partido, informou o seu secretario de Organización, Pablo García, validou as candidaturas do presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG na provincia, José Ramón Gómez Besteiro, e do alcalde da Illa de Arousa, Manuel Vázquez.

Ademais destes dous candidatos que concorrerán para relevar a Pachi Vázquez á fronte da Secretaría Xeral dos socialistas galegos, unha terceira persoa, un militante de Vilagarcía, remitira un escrito, que foi desestimado por falta de avais, no que comunicaba o seu desexo de presentarse por entender que non era preciso contar co requisito de recibir o apoio previo de parte da militancia.

O candidato con máis apoios, Gómez Besteiro, obtivo finalmente 5.189 avais válidos de compañeiros, dos 5.473 presentados, unha vez revisados polo Comité Electoral. Segundo explicou Pablo García, 191 apoios non figuraban no censo, 84 estaban repetidos e 9 invalidáronse por apoiar aos dous aspirantes.

No caso do alcalde da Illa, referendáronse un total de 1.307 votos dos 1.422 que el mesmo presentara o pasado venres, en que concluíu o prazo das candidaturas. Desestimáronse 84 que non estaban no censo; outros 9 duplicados, e 22 repetidos.

Ambos excederon os 1.125 apoios que se necesitaban para avalar a candidatura, un dez por cento da militancia. Por iso, García considerou que previsiblemente non se presentarán reclamacións aos resultados, para o que hai un prazo de dous días.

García tamén felicitou á militancia polo que considerou alta participación no proceso, un 57 por cento dos afiliados ao PSdeG, así como aos dous candidatos polo "xogo limpo" que demostraron nun proceso "novo" do que destacou a normalidade.

A partir de agora, o día 28 de agosto comeza a campaña para as primarias, que se celebrarán o día 7 nas distintas agrupacións locais, unha data na que tamén se elixirán os delegados que, o día 29 de setembro, referendará ao secretario xeral.

Comentarios