A CIG denuncia a falta de roupa hospitalaria no Álvaro Cunqueiro

Asegura que a "práctica totalidade" das unidades de hospitalización están a desenvolver o seu labor sen contar con "material tan necesario" como sabas, fundas de almofada ou pixamas para pacientes e acompañantes

A Federación de Saúde da CIG denunciou a escaseza de roupa hospitalaria no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e alertou de que, na xornada deste martes, a "práctica totalidade" das unidades de hospitalización están a desenvolver o seu labor sen contar "con material tan necesario" como sabas, fundas de almofada ou pixamas para pacientes e acompañantes.

Nun comunicado, o sindicato lamenta que o hospital viva "por enésima vez" xornadas onde a ausencia de roupa hospitalaria "é a nota predominante".

A isto súmase a "falta de limpeza na roupa", cuestión que foi posta en coñecemento da oficina técnica da EOXI de Vigo, que só contestou que "estaban a tratar o tema coa máxima dilixencia", apuntan.

A central considera esta resposta "insuficiente" e critica tamén que os uniformes se perden no proceso de lavado", provocando que os traballadores do novo hospital non conten con roupa adecuada.

Finalmente, CIG censura que este problema, "lonxe de mellorar co paso do tempo", sofre "un enquistamento e incluso ás veces un claro empeoramento", sen evidencias "claras" dun compromiso de solución.

Comentarios