A Audiencia Nacional mantén a fianza solidaria de dous coimputados en Pescanova

A Sección Terceira da Sala do Penal da Audiencia Nacional desestimou os recursos de apelación contra a fianza imposta ao que fora director financeiro de Pescanova Antonio Táboas, e Fernando Fernández de Sousa-Faro, o conselleiro e irmán do expresidente de Pescanova. Así figura nos autos, aos que tivo acceso Efe, nos que se mantén no caso de ambos -o resto dos coimputados tamén recorreron as fianzas- unha fianza solidaria por un importe de 158.534.946,47 euros.

No caso de Táboas, a Sala recorda que na causa de Pescanova investíganse determinadas prácticas empresariais e contables levadas a cabo polos responsables do Grupo Pescanova. Ditas prácticas deron lugar supostamente ao falseamento da información reflectida na súa contabilidade e nas súas contas anuais polo menos nos exercicios de 2009 a 2012, así como nos estados financeiros que a matriz debía remitir periodicamente á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Táboas, que foi director financeiro de Pescanova ata o 31 de xullo de 2012, tiña ademais poderes de representación de Pescanova e doutras filiais como Frigodis, Frinova, Baixamar Septima, Pescafresca, Frivipesca Chapela, Fricatamar, Pescafina Bacallau, Pescanova Portugal Produtos Alimentares e Acuinova Actividades Piscícolas.

A Sala recorda que o informe forense de KPMG apuntaba a Táboas como un dos membros da cúpula directiva de Pescanova con apoio directo á presidencia -naquel momento, Manuel Fernández de Sousa-Faro- "na realización das prácticas irregulares obxecto de investigación". Indicaba, ademais, que a insolvencia da sociedade ten a súa orixe en prácticas irregulares ligadas directamente á área financeira do Grupo Pescanova.

Respecto de Fernando Fernández de Sousa-Faro, o auto da Sala apunta que, na actualidade, atópase imputado pola suposta comisión dos delitos de falseamento da información económica, das contas anuais e falsidade en documento mercantil. Fernando Fernández de Sousa-Faro era membro permanente do consello de administración de Pescanova; un cargo polo que, sinala a Sala, "ten unha posición de garante que implica deberes de vixilancia, fronte aos que non cabe invocar o principio de confianza, nin instalarse nunha posición de ignorancia".

A Sala precisa que, no caso de Pescanova, é obxecto de investigación a ocultación de importantes perdas e débedas millonarias das sociedades en cuestión a través do falseamento da información contida nas contas dos anos 2009 a 2012, e demais estados financeiros, evitando así a intervención dos organismos reguladores.

Por iso, desestima tamén o recurso de apelación do irmán do expresidente de Pescanova contra a fianza imposta nun auto no que se acordaba elevar a mesma ata alcanzar a suma dos prexuízos reclamados polas acusacións persoadas, incrementadas nun terzo e que se concreta nunha fianza solidaria por un importe de 158.534.946,47 euros.

Comentarios