A Xustiza absolve o historiador denunciado pola familia dun ex alcalde falanxista

A Audiencia Provincial de Pontevedra considera que debe "prevalecer" a liberdade de expresión na creación científica do historiador Dionisio Pereira, polo que ratificou unha sentenza de absolución do xulgado da Estrada, en relación cunha investigación sobre a represión franquista en Cerdedo.

A sentenza da Audiencia responde a unha demanda presentada nos xulgados da Estrada por cinco familiares de Manuel Gutiérrez Torres, antigo dirixente falanxista e alcalde de Cerdedo durante o franquismo, na que denunciou que Pereira atentou contra a súa honra.

Por un artigo
Pereira escribiu un artigo titulado 'Os mortos esquecidos: radioloxía da represión franquista nun pequeno municipio rural. O caso de Cerdedo' que formou parte das actas dun congreso celebrado en Narón en decembro do 2003, dedicado á represión franquista.

No devandito texto mencionábase, segundo o xuíz, familiares xa falecidos dos denunciantes, dos que se di que foron "persoas sinaladas pola súa participación nos asasinatos e malos tratos ou como instigadores dos mesmos".

O xulgado fixo prevalecer, segundo explica a sentenza, a liberdade de expresión na investigación científica recollida sobre datas e lugar "moi concretos", cunha "moi ampla" documentación de numerosas persoas "e sen ningunha valoración persoal ou subxectiva".

O maxistrado da Audiencia de Pontevedra considerou no seu escrito que o carácter histórico do artigo complétase con referencias bibliográficas e de persoas entrevistadas, como fonte da maior parte da información.

Observou que o artigo "non xustifica a protección civil da honra" reclamada polos denunciantes, pois "non pode apreciarse ningún ánimo ou intención ofensiva cara a ningún dos aludidos nin cara aos seus familiares, agora denunciantes, sen relevancia no conxunto do estudo".

Posibilidade de recurso ao Constitucional
Por outra banda, o vicepresidente da asociación 'Amigos da República' de Ourense, Xosé Lois Carrión, terminou a súa presentación do programa de actividades para conmemorar este ano a República coa lectura dunha carta de Pereira na que agradeceu o apoio recibido durante o ano transcorrido desde que o seu caso chegou á Audiencia Provincial de Pontevedra.

Carrión incidiu en que o proceso terminou coa absolución civil, xa ditaminada polo xulgado da Estrada, e agora só está pendente dun posible recurso que poidan presentar os familiares de Gutiérrez ante o Tribunal Constitucional.

Tamén explicou que a mesma familia que demandou a Pereira, fíxoo tamén co arqueólogo Alfredo González Ruibal pero a Audiencia de Pontevedra ratificou a decisión do xulgado da Estrada de non procesalo.

Comentarios