A Asociación de Deportistas Galegas denuncia ''discriminación e medo''

A presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas, Pilar Neira, denunciou hoxe situacións "que non teñen sentido" no ámbito deportivo, onde se producen desigualdades e discriminacións que incluso están a xerar "medo".

"Hai situacións que son... tes medo", aseverou en rolda de prensa conxunta coa portavoz socialista na Coruña, Mar Barcón, na que destacou que as mulleres deportistas teñen peores horarios, que non hai cargos femininos nas directivas ou que os premios que reciben as mulleres son inferiores aos dos homes.

Por exemplo, citou, a Federación Española de Fútbol dá unha medalla de ouro a un debutante na selección absoluta cando unha muller ten que xogar polo menos dez partidos para recibila, aínda que destacou que en Galicia hai unha "boa canteira" de mulleres futbolistas.

No acto, Neira sinalou que é a primeira vez que un grupo municipal préstalles atención e subliñou a proposta conxunta de organizar unhas xornadas femininas para impulsar a súa actividade.

A portavoz do grupo municipal sostivo que na Coruña conflúen as sinerxías "imprescindibles" para fomentar a presenza feminina no deporte, como son a presenza de deportistas de elite, unha importante dotación económica e material para o deporte de base e unha longa experiencia na xestión deportiva a todos os niveis.

Entre outras propostas socialistas figuran impulsar desde o Concello a participación masiva de mulleres en escolas municipais deportivas; promover un circuíto de camiñadas dirixido a maiores; celebrar anualmente unhas Xornadas de Deporte Feminino; recuperar os nomes das mulleres deportistas da cidade que foron pioneiras nas súas disciplinas, ou crear unha web específica.

Comentarios