O Consello da Xunta aprobou este xoves o nomeamento como director xeral de Xustiza do valenciano José Tronchoni Albert, que desde 2016 ocupaba o cargo de secretario coordinador provincial de Pontevedra.
Tronchoni Albert tomará posesión este venres, segundo confirmou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na comparecencia posterior ao Consello. Substitúe así a Juan José Martín, que o 19 de maio cesou para porse á fronte da secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
Con este nomeamento, que depende da Vicepresidencia Segunda do Goberno galego, que dirixe Diego Calvo, e que levaba practicamente un mes vacante, complétanse así os postos máis relevantes por cubrir tras a sucesión á fronte da Xunta.
A traxectoria de José Tronchoni Albert
Tronchoni Albert é letrado da Administración de Xustiza e desde 1996 forma parte do corpo de letrados xudiciais. Como letrado da administración, exerceu no Xulgado de primeira instancia e instrución número 1 de Carlet (Valencia) e no número 3 de Cambados.
Xa na categoría segunda do corpo de secretarios xudiciais, estivo destinado no Xulgado de primeira instancia e instrución número 3 de Rubí (Barcelona) e no número 6 de Ourense. Na cidade de Pontevedra ocupou este cargo nos xulgados do Mercantil número 2 e no do social número 1 e número 3.
En setembro de 2016 foi nomeado secretario coordinador provincial de Pontevedra en comisión de servizo, cargo referendado en xullo de 2017 como titular na convocatoria de libre designación do corpo de secretarios xudiciais
É licenciado en Dereito pola Universidade de Valencia e conta con experiencia na formación de secretarios xudiciais destinados á Comunidade galega e de funcionarios da Administración de Xustiza.