Jácome perde a cuestión de confianza tras absterse o PP

Os populares xustificaron a súa decisión por altura "de miras" co obxectivo de non "bloquear" a cidade
Jácome. EFE
photo_camera Jácome. EFE

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), perdeu no pleno celebrado esta mañá a cuestión de confianza que estaba vinculada á modificación de crédito de 62,6 millóns, e ábrese un prazo dun mes para expor unha moción de censura e presentar un candidato alternativo.

Durante a sesión plenaria, Jácome só contou co apoio dos dous concelleiros do seu grupo de goberno así como do concelleiro de Cidadáns, José Araújo, e do exsecretario de Organización da formación laranxa, Laureano Bermejo, que recentemente pasou ao grupo de non adscritos.

O BNG (dous concelleiros) e PSOE (oito) rexeitaron a proposta presentada polo alcalde ourensán mentres que o PP optou pola abstención, días despois de que o presidente do PPDEG, Alberto Núñez Feijóo, deixase aberta a posible volta do PP ao goberno para dar estabilidade á terceira cidade de Galicia.

Na súa intervención, o rexedor ourensán afeou aos populares a súa postura no pleno coa modificación: "é difícil de entender que queiran formar parte deste goberno se non dan ao alcalde a súa confianza", esgrimiu Jácome, quen criticou "a morneza" do PP ante unha modificación que cualificou de fundamental para a cidade.

A portavoz popular Flora Moure subliñou que o PSOE é "o único culpable de que esteamos aquí"

O PP xustificou a súa abstención por altura "de miras" co obxectivo de non "bloquear" a cidade. De nada serviu, xa que PSOE, BNG e os catro críticos de DO votaron en contra. Só os tres membros do goberno local, José Araújo (Cs) e Laureano Bermejo (ex Cs) apoiaron a modificación de crédito.

Durante as intervencións, a portavoz popular Flora Moure, subliñou que o PSOE é "o único culpable de que esteamos aquí" tras asegurar que son os responsables de bloquear "calquera solución do goberno porque aínda non aceptaron o resultado de 2019".

Evidenciando as súas diferenzas, pediu ao candidato socialista, Rafael Rodríguez Villarino, que se bote "ao carón" para poder atopar unha solución para a cidade, o que suscitou as críticas do socialista.

A este respecto, o portavoz do PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, acusou aos populares de pervertir "a realidade". Así, asegurou que eles son os verdadeiros responsables de abocar á cidade a este "declive" cun "pacto indigno" para poder "manter a deputación". "Son vostedes os que obstaculizan o cambio"; resolveu.

O concelleiro de Cidadáns, José Araújo, demandou a ambas as formacións deixar de lado as "cores políticas" e sentar "para buscar unha alternativa" para a cidade cuestionando que os seus partidos non sexan capaces de chegar a un acordo e tampouco apoien a modificación.

Pola súa banda, o concelleiro Luís Seara, do BNG, criticou o "nivel de degradación política e institucional" da cidade do que responsabilizou ao PP, os "verdadeiros responsables da deterioración".

Comentarios