Investigan a rexeneración de chan deteriorado polo eucalipto

O proxecto, impulsado pola Cátedra en Desenvolvemento Sostible de Hijos de Rivera e a UDC, analiza novos modelos de agricultura sostible
Agricultura regenerativa. EP
photo_camera Agricultura regenerativa. EP

A Cátedra en Desenvolvemento Sostible de Hijos de Rivera e a Universidade da Coruña (UDC) impulsa unha investigación para pescudar como rexenerar o chan deteriorado pola actividade humana, neste caso polas plantacións intensivas de eucaliptos en monocultivo. Trátase dun proxecto da man da Fundación Galicia Sustentable que consiste na posta en marcha de diferentes parcelas nas que se aplica biomasa de proximidade, co obxectivo de demostrar "que é posible traballar con modelos de xestión agraria que dispoñen na contorna próxima de todos os elementos necesarios" para producir alimento. 

Así, segundo informan Hijos de Rivera e a UDC, os resultados preliminares demostran "que é compatible" o cultivo de determinados alimentos nas plantacións de eucalipto, de modo que se abre "un camiño para unha transición que permita superar o monocultivo" desta árbore e "salvagardar a calidade e capacidade produtiva" do chan. 

Os traballos continuarán con novas plantacións de outono co obxectivo de que a finais de 2021 se poidan publicar os resultados, que se completarán coas análises de chan que permitan valorar os avances na súa rexeneración. 

Comentarios